Comer cogomelos sen morrer no intento nin arrasar o monte
Por Redacción
Recoller cogomelos converteuse nunha moda, coas consecuencias que isto ten. Positivas e negativas. Entre estas últimas destacan a posibilidade de terminar no hospital envelenado ou o dano que se lle causa ao monte por parte dalgúns irresponsables recolectores de níscalos.
Por isto é bo escoitar a quen sabe destas cousas e oportunidades para iso non faltan.
Así a Asociación Micolóxica Brincabois organiza xunto ao Casino Mercantil e Industrial as "XI Actividades Micolóxicas de Pontevedra".
Do 7 ao 13 de novembro programáronse unha serie de charlas entre o luns e o venres a partir das 20 horas, sobre iniciación á micoloxía, principais cogomelos a coñecer en Galicia, as curiosidades sobre a Amanita muscaria, referencias de especies novas e ameazadas e cogomelos na cociña.
A Concellería de Medio Ambiente de Sanxenxo tamén programou un taller sobre o cultivo de cogomelos e un showcooking a cargo de Rocío Garrido Caramés dentro das XIV Xornadas Micolóxicas que se desenvolverán na Sala Nauta en horario de 20 a 22 horas os próximos días 17 e 18 de novembro.