A asemblea matinal en ENCE dá carta branca ao comité para ir á folga ante o ERE
Por Anxo Lourido
Existe preocupación entre os traballadores da factoría de Lourizán en ENCE e iso púidose comprobar durante o transcurso da primeira asemblea celebrada na fábrica durante esta mañá. A notable presenza de traballadores ten que ver coa ausencia de datos sobre cantos deles se verán afectados polos despedimentos do ERE que a dirección na empresa en Madrid anunciou para os próximos meses. Saben que serán 144 despedimentos entre as factorías de Pontevedra, Navia, Huelva e a sede de Madrid pero descoñecen cantos se verán afectados en cada un dos centros ata que este xoves 20 a empresa llo comunique ao comité intercentros.
"Hai que ir á folga, isto non se arranxa cunha pitada"
Na asemblea matinal nin sequera foi necesaria a votación dos traballadores porque todos decidiron dar carta branca para que o comité poida iniciar un calendario de mobilizacións en contra do ERE que proxecta a empresa. Segundo manifestaba o presidente do comité de empresa en Lourizán, Jesús Graña, as decisións que se adopten serán entre os comités de todos os centros pero asegurou que "teremos que ir á folga porque isto non se arranxa cunha pitada".
Para a tarde está convocada unha segunda asemblea na que o comité de empresa agarda o mesmo apoio. Afirman que na fábrica de Navia durante as asembleas de onte votaron 223 e todos apoiaron as medidas de protesta que decidan adoptar no comité.
Este xoves 20, en Madrid, os representantes dos traballadores están citados para negociar o convenio marco coa empresa e recibirán os datos por parte da empresa sobre o ERE previsto.