Veciños, comuneiros e ciclistas 'custodian' o monte de Salcedo
Por Redacción & Diego Torrado
Descubriron os valores do monte de Salcedo, coñeceron as especies autóctonas, identificaron as invasoras e mesmo retiraron aquelas coas que se atoparon polo camiño. Así foi a mañá deste domingo para as 50 persoas que se sumaron á xornada de voluntariado no monte organizada pola Mancomunidade de Montes de Pontevedra, o colectivo Pedaladas e a Asociación pola Defensa da Ría.
A actividade foi "moi satisfatoria" para a organización, que con iniciativas coma esta busca achegar a riqueza ambiental dos montes pontevedreses a aquelas persoas que lles gusta disfrutar da práctica deportiva na natureza.
A xornada enmárcase no proxecto de custodia do territorio posto en marcha o ano pasado pola Mancomunidade de Montes de Pontevedra e tiña como obxectivo dar a coñecer a entidade de custodia 'Montes de Pontevedra' e difundir os valores dos montes veciñais para as prácticas deportivas. O programa persegue o obxectivo xeral de implicar á sociedade civil na conservación do noso patrimonio natural, difundindo a importancia da súa preservación, os seus valores sociais e os dos montes veciñais e como a custodia do territorio axuda a conseguir estes fins.
Arredor da metade dos participantes comezaron na xornada cunha ruta en bicicleta entre a estación de autobuses de Pontevedra e o lugar da Armada, en Salcedo. Alí sumáronse o resto dos 'voluntarios' para seguir a ruta a pé, na que recibiron nocións teóricas e prácticas sobre as especies do monte de Salcedo e tamén explicacións sobre o proceso de recuperación do monte despois de que volvera de mans militares a veciñais.
"A xente quedou satisfeita", indicou unha das voceiras da Mancomunidade de Montes, que considera que "o obxectivo quedou cumprido" e sinala que se cubriron todas as prazas ofertadas, 50.
Esta actividade organízase ao abeiro do programa de voluntariado da Fundación Biodiversidad en colaboración coa empresa Decathlon, que financia este tipo de iniciativas cos fondos recadados co prezo das bolsas que vende nas súas tendas.