O Concello adxudica a redacción dos proxectos de saneamento de Dorna, Vila de Baixo e A Longa
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar a redacción dos proxectos de saneamento e sumidoiros nos lugares de Dorna e Vila de Baixo, pertencentes á parroquia de Santa María de Sacos, e A Longa, de San Xurxo de Sacos, co obxectivo de ter lista toda a documentación e o protocolo cara unha posible consecución desta ambiciosa infraestrutura, que ten un orzamento estimado de 1,51 millóns de euros.
A mesa de contratación fixo a proposta de adxudicación a prol da empresa Insitu tras analizar toda a documentación do concurso público. A firma adxudicataria fixo unha oferta económica lixeiramente inferior aos 10.000 euros, o que supón unha baixa do 50% con respecto ao orzamento de licitación, e disporá dun prazo de execución de dous meses para redactar e entregar os tres proxectos de saneamento, que saíron a concurso en tres lotes diferenciados.
Ademais, e a falla de que se faga unha valoración exacta dos futuros traballos de construción desta complexa rede de sumidoiros, Insitu xa ofreceu unha estimación inicial do seu custe, que está cifrada en 540.000 euros para Dorna, 612.000 euros para Vila de Baixo e 358.000 para A Longa. Deste xeito, e paralelamente á redacción dos proxectos, o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ten a intención de comezar a xestionar coa Xunta a consecución de fondos para seguir estendendo a rede de saneamento por todo o municipio.
Coa redacción destes proxectos, pretende dar o primeiro paso para volver a conseguir, xa no vindeiro ano, o financiamento suficiente para acometer este triple saneamento na zona de Sacos, que beneficiará aos 220 veciños dos tres lugares.