Os ictus constitúen case o 50% dos casos de Neuroloxía que ingresan en Montecelo
Por Redacción
O ictus adoita presentarse de forma brusca e inesperada, xeralmente en persoas maiores de 70 anos, aínda que cada vez estanse detectando máis casos entre xente nova. Ante o incremento do número de casos, o SERGAS puxo en marcha o Plan Ictus co obxectivo de levar a cabo intervencións inmediatas para poder tratar canto antes este accidente cerebrovascular.
O plan quere alertar sobre os síntomas desta enfermidade a través da idea das 3F: Fala, Forza, Faciana. Desta forma, trátase de estar pendentes cando unha persoa sexa incapaz de dicir palabras simples correctamente, cando non poida elevar os dous brazos á mesma altura máis de 10 segundos ou cando é incapaza de mostrar todos os dentes ao sorrir.
O director de Procesos Asistenciais de Pontevedra e O Salnés, José Antonio Ortigueira Espinosa; a neuróloga Paula Suárez e o xefe do servizo da UCI do Complexo Hospitalario, Antonio Pais, con motivo do Día Mundial do Ictus explicaban en rolda de prensa que o 46,6% dos ingresos no servizo de Neuroloxía correspóndense con casos de ictus. E ao mesmo tempo constitúen o 2% das altas nos hospitais de Pontevedra.
Durante os últimos 3 anos, en Montecelo atendéronse a 1.400 pacientes con ictus e a mortalidade descendeu de 17,9% ao 14,3%. Ortigueira Espinosa sinalou que Montecelo carece dunha unidade para o tratamento do ictus pero si conta coa estrutura específica para poder levar a cabo o tratamento con fibromatosis, un fármaco que disolve o coágulo que impide a circulación cerebral.
A neuróloga Paula Suárez afirmaba que a primeira causa de mortalidade en España entre as mulleres é esta enfermidade, tamén coñecida popularmente como trombosis ou embolia. E trátase da segunda entre os homes.
Os especialistas alertan tamén dos factores de risco do ictus que se centran na hipertensión arterial, dilipemias, diabetes, consumo de tabaco, consumo excesivo de alcol, drogas e vida sedentaria.