Bará deixará o Concello "en dous meses" para centrarse no Parlamento galego
Por Alejandro Espiño
En apenas dous meses, Luís Bará deixará a corporación municipal de Pontevedra. Será "como moi tarde", recoñeceu, a principios do próximo ano. Faino para centrarse no seu labor no Parlamento galego como un dos dous deputados do BNG na provincia.
Asegura que "non hai présa" porque por agora o traballo parlamentario permítelle compatibilizar ambas as responsabilidades, pero nesta decisión de continuar varios meses máis pesou as súas ganas de completar unha serie de proxectos que puxo en marcha como responsable de obras e de patrimonio histórico na cidade.
Pero ao mesmo tempo, o edil do BNG desempeña xa o seu novo labor como parlamentario. E nesa condición, protagonizou unha rolda de prensa na que avanzou as liñas nas que traballarán os nacionalistas nesta lexislatura autonómica.
Exercerán, dixo Bará, unha oposición "rigorosa e crítica" que estará chea de "ideas, proxectos, propostas e alternativas de futuro" cos que prometen defender os intereses de Galicia nun marco "cambiante e inestable". Neste panorama de "descontento" coa esquerda, o BNG ofrecerá aos galegos "estabilidade, solvencia e rigor".
Luís Bará explicou que dentro do grupo parlamentario do BNG asumirá as áreas de medio ambiente, ordenación do territorio, infraestruturas e o ámbito institucional, onde "me sinto cómodo" porque coinciden coas competencias que tiña como concelleiro. Ademais, será o interlocutor para as comarcas de Pontevedra, Vigo, Deza e Condado-Paradanta.
Entre as medidas que impulsará o BNG, ademais do Plan Retorna que busca o regreso a Galicia dos mozos emigrados, o deputado nacionalista desvelou que será "prioritaria" a defensa dunha mobilidade sustentable e segura e, con respecto a Pontevedra, a variante de Alba ou a transferencia da AP-9 e o rescate da súa concesión.
Ademais, a defensa dun hospital público en Montecelo, o saneamento da ría e a loita contra Ence e Elnosa, a posta en marcha dun sistema de compostaxe en Galicia ou medidas que permitan a reactivación económica do país e que unan a aposta polos sectores tradicionais e a innovación e modernización de actividades alternativas e emerxentes serán tamén eixos deste traballo do BNG no Parlamento.