En Poio tamén é tempo de Samaín
Por Redacción
O Samaín chega a Poio cheo de actividades. A asociación de mulleres Arela ten xa ultimada unha programación cultural e de lecer que busca avanzar na recuperación desta tradición popular. Será o sábado 29 de outubro, a partir das 17.00 horas, no seu local social en Campelo.
Así, xunto cunha festa infantil, porán en marcha o primeiro Certame de Chulas de Cabaza, moi típicas desta época e desta zona.
Esta actividade consistirá na degustación das chulas confeccionas por todas aquelas persoas que queiran participar. O único requisito é que as chulas estean feitas con cabaza, produto típico desta época do ano e elemento fundamental na celebración do Samaín. A chula mais saborosa e orixinal recibirá o premio Culler de Pau en recoñecemento do seu bo facer.
Con respecto a anos anteriores manterán no seu programa a Corredoira do Terror, procesión de ánimas que sairá da Praza da Granxa percorrendo diferentes camiños e rúas do lugar de Campelo con regreso á praza, para visitar a Cova dos Druídas que amosarán as súas danzas de lume nun máxico círculo que evocará a simboloxía celta da harmonía.
Tamén se recoñecerá a fachada máis terrorífica co concurso Mamasiña que medo, para as vivendas situadas nas rúas polas que transcorre a corredoira do terror.
A festa non remata na xornada do sábado senón que continúa o luns 31 de outubro con obradoiros de confección de cabazas de papel de mans da responsable do programa municipal Lecer Activo. Esta xornada rematará coa decoracións de cabazas naturais e con un contacontos a cargo da Asociación Lecer Tempo Libre.
Porá fin a esta programación a música. O alumnado das clases de Música, que se levan a cabo no Local Social de Campelo, se trasladan a Praza da Granxa para deleitar ao público con actuacións especiais para esta ocasión, nas que poderán participar todas as persoas e cativos que así o desexen. Esta actividade desenvolverase a partir das 16:30 horas.
Ademais, a biblioteca municipal tamén se une a esta celebración, preparándose para unha das noites mais terroríficas do ano cunha decoración especial de Samaín. Durante esta semana coa colaboración dos usuarios decorarase a biblioteca: grilandas, teas negras, cabazas, bruxas e morcegos; e o público poderá coñecer as lendas de Galicia, a mitoloxía e a gastronomía típica destas datas.