O PP preguntará ao Concello pola adhesión ao programa de vivendas baleiras da Xunta
Por Redacción
Cinco meses despois de que se aprobara no pleno, segundo o PP, o Concello de Pontevedra aínda non iniciou os trámites para adherirse ao programa de vivendas baleiras que puxo en marcha a Xunta de Galicia.
Por iso, os populares avanzan que preguntarán na vindeira comisión de Benestar Social sobre este asunto.
O PP recorda que este programa é unha medida que permitirá mobilizar as vivendas baleiras do municipio, xa sexan propiedade municipal ou de terceiros, coa fin de destinalas a alugueiro social, "favorecendo así que os colectivos máis vulnerables logren ter acceso a unha vivenda", destacou o edil popular, César Abal.
"Sen dúbida algunha, trátase dun asunto de vital importancia para o que é necesaria a colaboración entre as distintas administracións", asegurou, polo que queren coñecer por que non se tramitou a solicitude de adhesión.
A día de hoxe, 43 concellos galegos xa solicitaron a adhesión ao programa de vivendas baleiras. Non é o caso de Pontevedra, segundo o PP, a pesar de ser un dos primeiros concellos en aprobar en Pleno esta inclusión.