O Nó cheira a todo menos a Pino
Por Redacción
Un verquido de augas fecais cae directamente sobre as obras do Nó do Pino, cos conseguintes contratempos para os veciños da zona de Salcedo.
O Concello de Pontevedra tivo coñecemento deste problema a pasada semana e enviou á empresa concesionaria do servizo de saneamento e abastecemento de auga, Aquagest, a facer unha revisión á zona.
Os traballadores localizaron unha rotura da tubería de fecais á altura das obras do Pino, onde se está a executar a ponte sobre o Nó do Pino, que une os lugares de San Blas e Matalobos, na parroquia de Salcedo. A rotura está no extremo máis próximo á cidade e neste momento verte sobre as obras.
Unha vez constatada esta información, a pasada semana o Concello xa puxo esta situación en coñecemento do Ministerio de Fomento para que repare de inmediato esta rotura, dado que considera que foi ocasionada polas obras de construción da ponte que une ambos lados da parroquia de Salcedo; obras que están incluídas dentro da remodelación do Nó do Pino.
O concelleiro delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez, xa estivo reunido e mantén contacto diario cos veciños afectados por esta rotura.