Carmela Silva inicia en Barro unha xira para comprobar o resultado do Plan Concellos
Por Redacción
Barro foi a primeira parada na xeira de visitas que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ten previsto realizar polos municipios da provincia para comprobar a execución dos proxectos que foron financiados con cargo ao Plan Concellos posto en marcha polo goberno provincial.
En concreto, Carmela Silva visitou, acompañada do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, os traballos para a mellora e reparación de catro parques entre os que se atopa o de Agudelo (cuxas obras xa están rematadas) ou o de Cangrallo, e que recibiron un investimento do Plan Concellos de 21.000 euros.
A presidenta provincial felicitou ao Concello de Barro "polas boas decisións tomadas" e por "entender" o espírito co que naceu o Plan Concellos: "un plan equilibrado onde se trata con xustiza a todas as vilas da provincia".
No caso de Barro destacou que fixo un reparto equilibrado entre todas as súas parroquias e respondendo ás demandas históricas da súa veciñanza, "cousa que non sempre aconteceu"
Ademais, a presidenta lembrou que foi o goberno municipal quen decidiu en que ían empregar eses recursos económicos e sinalou que "temos que garantir os servizos e os dereitos, porque esta é a única forma que temos de que a xente quede no noso territorio ante un problema tan grave como é o abandono".
Pola súa banda o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, sinalou que grazas ao Plan Concellos "atopámonos nunha situación na que xa de antemán sabiamos exactamente o diñeiro do que iamos dispor" e iso foi, sinalou, "moi positivo" á hora de facer unha boa planificación dos orzamentos.
A Deputación de Pontevedra destinou a Barro a cantidade de 509.274,51 euros, isto é, un investimento de 136,70 euros por habitante.
Dentro deses cartos, o Plan Concellos supuxo un investimento de máis de 399.000 euros. Xunto cos parques infantís, se están a realizar tres obras de saneamento ou traballos na pista polideportiva de San Antoniño e, ademais, se arranxaron viarios e acometéronse traballos en materia de seguridade viaria e se crearon 16 postos de emprego nos servizos municipais.
Á marxe do Plan Concellos, Barro tamén recibiu 46.000 euros en políticas sociais, grazas aos 40.000 euros que recibiu para axudas de emerxencias e a que a súa veciñanza se beneficiou dos programas "En Ruta coa Depo", "Depo en marcha", "Depotermal", "Depo Aventura A Lanzada", "Depo RúARTE", "Espazos de lecer: concilia" e o "Conectadas 2016".
Do mesmo xeito, Barro recibiu un investimento de máis de 20.000 euros en cultura entre as actividades do Ano Castelao, axudas á dinamización da lingua galega, actuacións para comisións de festas e o Concello a través do programa "Pontegal", colaborando directamente co Concello na restauración da carpintaría da zona central do Pazo de Santo Antoniño ou colaborando na organización da Festa do Viño de Barro ou noutras actividades lúdicas.
Relacionadas:
-
Barro renovará o saneamento e mellorará a seguridade en varios viais
Por Redacción |
-
O orzamento de Barro conxela as taxas e impostos, e bonificará o 50% do IBI a familias numerosas
Por Redacción |
-
Carmela Silva visita as obras nos camiños de Ventoselo e Fírveda, na Lama
Por Redacción |
-
O "exitazo" de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Os alcaldes do PP métenlle presa á Deputación co reparto dos fondos provinciais do vindeiro ano
Por Oskar Viéitez |
-
As obras do Edificio de Usos Náuticos da Illa retomaranse nun prazo de dez días
Por Redacción |
-
Adxudícase a obra do parque infantil de Cangrallo no Concello de Barro
Por Redacción |
-
A Illa, Barro, Cambados e Campo Lameiro completan o 100% do Plan Concellos
Por Redacción |
-
O goberno municipal de Barro adxudica obras por máis de 165.000 euros
Por Redacción |