Feijóo garante que o Gran Montecelo estará "terminado ou case terminado" en 2020
Por Alejandro Espiño
A ampliación de Montecelo é, segundo o goberno galego, unha das grandes infraestruturas sanitarias da nova lexislatura. Pontevedra é a área sanitaria que conta cun centro hospitalario máis antigo, pero o presidente da Xunta asegura que en 2020 -coincidendo co final do seu terceiro mandato- o Gran Montecelo estará "terminado ou case terminado".
Así o destacou durante a súa visita ao novo centro de saúde de Marín. Alberto Núñez Feijóo garantiu que en 2020, o 100% dos galegos vivirán na contorna dun hospital ou un centro de saúde "novo ou renovado".
Para lograr este obxectivo, tras a entrada en servizo do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a Xunta asegura ter tres "asignaturas" para este próximos catro anos: Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela.
Con respecto a Montecelo, Núñez Feijóo asegurou que tras asinar fai tres meses un "novo modelo" para acometer a ampliación do hospital, construirase un novo edificio que permitirá que o complexo pontevedrés conte con máis de 90.000 metros cadrados para a atención sanitaria da área norte da provincia de Pontevedra.
No Gran Montecelo investiranse uns 130 millóns de euros. Construirase un novo edificio a tres alturas na parte este do complexo e que estará conectado co resto do hospital. Acollerá un renovado servizo de urxencias, a unidade de coidados intensivos ou a hospitalización con ingreso. Alí tamén se situarán as especialidades de maior complexidade e as novas unidades que se incorporarán ao catálogo da atención sanitaria en Pontevedra.
No edificio actual, que manterá o seu uso durante as obras, centralizarase toda a atención ambulatoria. Segundo os plans iniciais, adecuarase para os servizos de cirurxía maior ambulatoria, a cirurxía de curta estancia, un hospital de día e as consultas externas, entre outros. O Hospital Provincial, pola súa banda, será redefinido como centro para enfermos crónicos e a Casa do Mar tamén manterá un uso sanitario.
Ao complexo pontevedrés sumarase o plan director do hospital de Ferrol e o proxecto de ampliación do hospital clínico de Santiago, que permitirá o traslado da Facultade de Medicina ás súas inmediacións.
E todo iso, segundo Feijóo, tras ampliar en maior ou menor medida os hospitais do Salnés, Burela, Lugo, Ourense e A Coruña "nunha época de recesión económica".
O presidente galego destacou que, desde 2009, "lonxe de conformarse con blindar e manter a subsistencia dos servizos públicos, o goberno galego asumiu o reto de renovalos e melloralos", o que permitiu, dixo, que Galicia puidese manter a calidade da sanidade pública galega a pesar da crise.
Relacionadas:
-
Así será o Gran Montecelo, un hospital que segundo Núñez Feijóo "non ten volta atrás"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
E a Xunta rectificou e ampliará Montecelo despois de perder sete anos
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade garante que o plan funcional do Gran Montecelo "no va a ser hecho desde un despacho"
Por Alejandro Espiño |
-
O Sergas reordenará os espazos de aparcamento no Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Premian o novo servizo de urxencias de Montecelo
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública non se fía da Xunta e impulsa a ILP por un Hospital Público e Único
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Feijóo asegura que o Gran Montecelo "é o que a sanidade demandaba e os veciños merecían"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |