Pedaladas pide ao Concello que compre un radar para controlar a zona 30
Por Redacción
O colectivo ciclista Pedaladas solicitou formalmente ao Concello de Pontevedra que adquira un dispositivo radar para a Policía Local da cidade, co obxectivo de que se poida controlar a velocidade na zona 30.
Esta petición, oficializada agora por rexistro, leva dous anos enriba da Mesa da Bicicleta, segundo explica a asociación. Tamén se lle trasladou en diversas reunións ao Intendente da Policía Local.
Pedaladas defende que os axentes municipais deben ter capacidade de sancionar aos condutores que non respecten os límites "por seguridade de peóns, ciclistas e persoas con diversidade funcional", pero tamén "porque non lle podemos pedir aos ciclistas que usen a calzada se a zona 30 non é efectiva", sinalaron nun comunicado.
O radar en cuestión ten un custo aproximado de 25.000 euros.
Detrás desta petición están as estatísticas de gravidade dos accidentes rexistrados con ciclistas, que se reduce notablemente se estes se producen a 30 quilómetros por hora. Ademais, defende Pedaladas, "a presenza de lombos non sempre funciona", xa que en lugares como a Avenida das Corbaceiras "detectáronse vehículos a 76 quilómetros por hora", o que eleva considerablemente o risco para peóns e ciclistas.