Andrés Díaz critica a "indefensión" na que a Xunta Electoral deixou aos afectados pola PO-234
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, critica a "indefensión" que sufriron os veciños e políticos da localidade ante a resolución da Xunta Electoral Provincial que impedía a celebración da manifestación contra a 'cacicada da PO-234' durante a campaña electoral das autonómicas o 17 de setembro.
Andrés Díaz afirma estar "moi molesto e decepcionado" porque se privou aos veciños dun "dereito fundamental amparado constitucionalmente". Realiza estas afirmacións unha vez que tivo coñecemento de que a resolución da Xunta Electoral Provincial de Pontevedra, producida dous días antes da manifestación convocada, contiña "un aparatoso erro formal" na determinación do recurso procedente contra esta decisión.
Segundo sostén, o Concello de Ponte Caldelas "foi inducido erroneamente" pola Xunta Electoral Provincial a presentar recurso especial diante da Xunta Electoral de Galicia e este órgano acabou resolvendo que a Xunta Provincial trabucouse na redacción porque o procedente era un contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun prazo urxente de 48 horas.
Ao xuízo do alcalde, "resulta moi difícil de entender que se teña impedido o exercizo da expresión popular e democrática dos veciños cun par de parágrafos escasamente motivados e que se determine como modo de impugnación un recurso incorrecto".
"Nós non queriamos manifestarnos en campaña electoral por capricho, senón porque a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas, anunciou que facía a obra só polo lado de Cotobade en plena campaña electoral; foron eles os que elixiron o momento electoral para perpetrar a 'cacicada', e que agora se confirme que nos induciron a defender as nosas teses cuns trámites inadecuados non nos dá ningunha satisfacción nin repara o dano feito", indica.
Andrés Díaz invita aos maxistrados integrantes da Xunta Electoral Provincial a reflexionar criticamente sobre todo o sucedido, pois "privouse a uns veciños de exercer os seus dereitos fundamentais cunha resolución dunha moi baixa calidade técnica". Por outra banda, subliña que o Partido Popular tamén "debería facer unha reflexión interna sobre a utilización dos resortes do seu poder institucional se non quere seguir danando a confianza dos cidadáns na separación de poderes".