Á procura de tapóns para axudar a que Nahir, unha nena pontevedresa de 5 anos, poida moverse
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Nahir é unha nena pontevedresa que se comunica cos ollos. Sofre unha parálise cerebral infantil que lle impide falar e camiñar con normalidade. Pero, a súa nai, Alejandra González, sabe que Nahir é unha loitadora e con ela sumouse toda a familia, a través da Fundación Amigos de Galicia, a lograr todos os tapóns de plástico que sexan necesarios para poder custear o tratamento que precisa para poder falar e camiñar.
Para que Nahir mellore son precisas sesións co servizo de logopedia e co de neurofisioloxía. Pero esta familia de Pontevedra carece dos recursos suficientes para poder pagar os 10.704 euros anuais, 892 ao mes, necesarios para que poida tratarse o dano cerebral que sofre a pequena de cinco anos.
Actualmente, esta nena, a menor de tres irmáns, recibe un tratamento a través da Seguridade Social, pero os especialistas sinalan que é insuficiente para que as melloras sexan notables. Precisa un tratamento a longo prazo con máis sesións para poder desenvolver tanto a súa comunicación como a mobilidade. Alejandra González indica que o seu obxectivo sería traballar cunha rehabilitación robotizada porque "ela quere moverse soa", pero esa alternativa "ten un custo carísimo".
"Que non me quede a dúbida de que puido ser e non o tentei"
A nai de Nahir recoñece que cos recortes, as axudas que recibe non cobren os gastos que leva o coidado da pequena. "Necesita moito para mellorar a fala e para a deglución, cústalle tragar", afirma Alejandra. "Diche todo con acenos e enténdeche, comunícase cos ollos" afirma con orgullo, á vez que recoñece que a cativa "está moi frustrada" e demostra, día a día, a súa intelixencia e o seu afán de superación.
A capacidade de comprensión de Nahir é completa. Acode a clases ao Colexio Infantil do Príncipe Felipe e enténdese co resto de escolares a través de acenos. "Vela nun parque e agárrase ao balancín. Véselle tan feliz. Hai que loitar. Ela loita, pois nós con ela", asegura esta "nai coraxe", que reclama máis axuda por parte das administracións e que se agarra á esperanza porque os médicos nunca chegaron a descartar que Nahir consiga camiñar. Só lle din: "o tempo dirá".
"Que non me quede a dúbida de que puido ser e non o tentei", afirma Alejandra facendo un chamamento a todos aqueles que queiran colaborar no tratamento da súa filla. Para iso, só é necesario depositar os tapóns de plástico nos distintos puntos de recollida habilitados para esta causa: o CEIP Príncipe Felipe, o IES Luís Seoane, o CEIP Marcos da Portela, as cafeterías Dulce de Leche, a tenda de caramelos Macao, a farmacia Echegaray e o hospital Quirón Salud Miguel Domínguez en Poio. Por cada quilo de tapóns entregado, a esta familia abonaránselle 0,22 euros.
Relacionadas:
-
Falece a nena Nahir: "Su corazón se apagó, pero no su sonrisa"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
RADIO.- Un tapón non enche a taponeta, pero axuda a que estea completa
Por Marisa Ciordia |
-
A recollida de tapóns permite que Nahir conte con seis meses de terapia para a súa parálise cerebral
Por Anxo Lourido |
-
13 sacos de tapóns para Nahir
Por Redacción |
-
Amigos de Galicia axuda cada mes a 26 familias necesitadas do Grove
Por Redacción |