Vacínate contra a gripe! O ano pasado 83 persoas ingresaron en Pontevedra e O Salnés e sete faleceron
Por Natalia Puga
Este luns 24 de outubro comeza a campaña de vacinación antigripal 2016, abrindo un período de nove semanas ata o 23 de decembro no que haberá na provincia de Pontevedra 250 puntos de vacinación dispoñibles.
Como cada ano, a Consellería de Sanidade fai un chamamento aos cidadáns a que se vacinen e, para darlle maior forza aos seus argumentos a favor da prevención, aportan datos. O inverno pasado houbo en toda Galicia 1.691 ingresos hospitalarios por gripe, 83 na área de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés.
Seguindo cos datos, falan doutros máis graves. Deses pacientes, 104 faleceron por mor da gripe en Galicia, sete na área sanitaria. E as estatísticas a nivel xeral reflicten que seis de cada dez falecidos o ano pasado non estaban vacinados a pesar de que pertencían a grupos considerados de de alto risco e aos que se recomenda a vacinación.
Segundo os datos facilitados este venres pola xefa territorial de Sanidade en Pontevedra, Ángeles Feijoo-Montenegro, o ano pasado subministráronse en Pontevedra e o Salnés un total de 46.729 doses, máis da metade -33.573- a persoas maiores de 65 anos. A cifra é superior a das campañas antigripais anteriores, pero segue moi lonxe de acadar os obxectivos, pois supuxo unha cobertura do 52% da poboación diana á que vai destinada.
Toda Galicia está por debaixo dos obxectivos e, a pesar de que cada ano se redobran esforzos para lograr que a cidadanía acuda a vacinarse, a comunidade é a quinta do Estado con menor porcentaxe de persoas que o fan. Por grupos de idade, son os maiores de 75 anos os que máis responden á chamada das autoridades sanitarias e, no caso de Pontevedra e O Salnés, son o 59% os que se vacinan. Entre 70 e 74 anos a porcentaxe baixa ao 51% e entre os 65 e os 69 redúcese ata o 39%.
O obxectivo da campaña é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela, pero en relación con esas cifras, cabe incidir que o seu obxectivo específico é acadar unha cobertura do 65% entre a poboación maior de 65 anos.
A campaña de vacinación fronte á gripe 2016 destínase a todas as persoas que teñan 60 ou máis anos ou pertenzan a algún grupo de risco, que inclúen ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -a patir de 6 meses- con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.
A campaña deste ano fará especial fincapé na vacinación do persoal sanitario e entre os traballadores da Atención Primaria e a Atención Especializada o obxectivo de cobertura é do 35% destes profesionais. Ademais, serán poboación diana tamén as mulleres embarazadas.
Relacionadas:
-
10 falecidos por gripe no 2016 nos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
O CHOP espera a mediados de decembro o pico máis alto da gripe
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Chega a tempada das vacinas antigripais
Por Redacción |
-
A partir do luns, toca vacinarse da gripe
Por Redacción |