Xa está en marcha a segunda edición de #MexilOnseTuits, o festival do social media de Galicia
Por Redacción
A II edición do Festival MexilOnseTuits xa está en marcha. O éxito colleitado o ano pasado puxo o listón alto, pero os organizadores afrontan esta segunda convocatoria "con maior entusiasmo e responsabilidade", co obxectivo de premiar os mellores traballos galegos de marketing en redes sociais ao tempo que se promove a comarca do Morrazo. Tralas primeras xuntanzas confirmouse a data e a ubicación: será o domingo 2 de xuño en Bueu.
O director do Festival, Francisco Graña, explico que o evento volverá contar coa colaboración da Federación de Comerciantes do Morrazo (FECIMO) e do Concello de Bueu. Empresas grandes e pequenas, marcas, axencias de comunicación e publicidade ou persoas a xeito individual teñen cabida nesta iniciativa a nivel autonómico concebida arredor das novas tecnoloxías.
En próximas datas a web http://festivalsocialmediadegalicia.com terá un aspecto renovado e deixará o seu carácter de blog para ser unha web moito máis eficaz para aquelas persoas que desexen obter información do festival: candidaturas, xurado, prazos, programa, etc. Agora mesmo os esforzos de organizadores e colaboradores están centrados neste aspecto, porque preténdese dotar á páxina de máis información e noticias de MexilOnseTuits.
Neste certame serán premiados os mellores traballos levados a cabo a través de plataformas de comunicación social durante o ano 2012. Cando se presente a nova páxina web os organizadores darán a coñecer oficialmente o prazo de recepción de candidaturas. As categorías que serán premiadas nesta edición tamén se publicarán en breve, posto que haberá algún cambio con respecto ás da primeira edición.
A inscrición dos traballos será igual de sinxelo que o pasado ano, a través da web achegarán todos os datos do proxecto, campaña ou iniciativa que queiran presentar ao concurso así como a categoría á que se presentan. En todos os casos terase en conta a orixinalidade, o impacto e a innovación para decidir quen serán os gañadores, unha decisión que estará en mans dun xurado composto por relevantes profesionais.
Actividades paralelas e moitas sorpresas
Despois do éxito acadado no 2012, MexilOnseTuits presenta a súa segunda edición como un verdadeiro punto de encontro para que todo aquel que desexe formarse e informarse sobre o que se está a traballar en canto a redes sociais. Este ano o proxecto pretende incluír algo máis de formación para pequenas empresas que queiran comezar a promocionarse nas súas redes sociais ou leven pouco tempo realizando estratexias online.
A gastronomía galega tamén estará presente a través das empresas colaboradoras que desexen participar, ofrecendo unha comida-networking para os asistentes. E haberá algunha sorpresa máis que Francisco Graña, director do festival, garda celosamente na manga para facer máis atractivo o MexilOnseTuits 2013.