Cerdedo achega á fusión con Cotobade máis de medio millón de euros en débedas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este xoves ao mediodía en Carballedo, capital do novo municipio, quedou constituída a xestora de Cerdedo-Cotobade, fusionados xa nun único concello de algo máis de seis mil habitantes, 214 quilómetros cadrados de superficie e 21 parroquias.
Por maioría, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, foi designado presidente e o mandatario cerdedense, José Balseiros, será o vicepresidente deste órgano que se encargará de rexer e administrar transitoriamente o novo concello durante os próximos 32 meses, ata as eleccións municipais de 2019.
A xestora está integrada por 20 concelleiros (11 de Cotobade e 9 de Cerdedo) dos que 14 son do Partido Popular.
Este "día histórico" non contou coa presenza de ningún representante da Xunta de Galicia, algo ao que restou importancia Jorge Cubela asegurando que "nós non estamos tutelados por ninguén". Cubela lembrou que ao longo de todo este proceso foi constante o apoio do Executivo autonómico.
Á primeira hora da mañá, antes da celebración desta sesión plenaria de constitución, tivo lugar o arqueo das contas de ambos os municipios.
Segundo desvelou a portavoz socialista, Lina Garrido, o resultado foi "tremendamente impactante" ao coñecerse que o Cotobade vai achegar 602.408 euros mentres que Cerdedo "achega débedas", en concreto debe 539.017 euros. "Parecía solvente e o seu alcalde dicía que gozaba dunha boa e sa economía e resulta que non é así", dixo a edil socialista.
"Cotobade vai pagar a débeda de Cerdedo" criticou Lina Garrido quen lembrou que desde o anuncio deste proceso de fusión esixíronse unha serie de garantías, entre elas unha auditoria económica.
A portavoz socialista pediu "moito sentidiño" á nova corporación "para sacar a Cotobade dun pozo económico" e sinalou que, á luz destas cifras económicas, Jorge Cubela "pode converterse nun verdadeiro Judas".
FOLLA DE RUTA
O presidente da xestora, Jorge Cubela, explicou que a próxima semana convocarase ao Pleno e fixaranse os integrantes da xunta de goberno, das distintas comisións informativas e delegaranse as distintas competencias "para empezar a traballar na unificación de ordenanzas, de prezos públicos e na elaboración do próximo orzamento municipal" e concorrer a subvencións.
Balseiros pediu a "colaboración" dos membros da oposición e da plataforma que se situou contra este proceso de fusión. "É o momento de sumar. Nace un novo concello e debería nacer unha nova unidade e traballar todos xuntos para conseguir grandes cousas".
Relacionadas:
-
Nin Cerdebade nin Cotodedo
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo salda o seu único préstamo, de 168.000 euros, cos seus fondos antes de unificar contas con Cotobade
Por Redacción |
-
O primeiro orzamento de Cerdedo-Cotobade vai situarse arredor dos 5 millóns de euros
Por Redacción |
-
Os ex alcaldes de Cerdedo e Cotobade manterán as mesmas adicacións exclusivas
Por Redacción |
-
Cotobade e Cerdedo xa traballan conxuntamente na elaboración dos primeiros orzamentos
Por Redacción |
-
Cotobade e Cerdedo xa son, oficialmente, un único concello
Por Alejandro Espiño |