Furta un vestido e unha blusa nunha tenda, foxe a pé e 'píllana' cando entraba noutro comercio
Por Redacción
Unha veciña de Pontevedra de 45 anos foi detida pola Policía Nacional como suposta autora do furto dunha blusa e un vestido valorados en 64,70 euros na tenda H&M de Benito Corbal. Delito que ela mesma recoñeceu aos axentes e polo que será sometida a un xuízo rápido.
O curioso do seu caso son as circunstancias nas que se produciu o arresto. Segundo indicaron fontes policiais, o furto produciuse sobre as 12.00 horas do venres 22 de febreiro, cando a muller saía do establecemento H&M e se activaron as alarmas do arco de seguridade.
Nese momento, a muller saíu fuxindo en dirección á rúa Sagasta e os responsables da tenda alertaron a Policía Nacional e achegáronlles datos descritivos da suposta ladroa.
Unha patrulla policial localizouna cando se dispoñía a entrar noutro comercio, neste caso, a tenda Benetton situada entre as rúas Sagasta e Castelao.
Os axentes déronlle o alto e interviñéronlle nun bolso unhas tenaces e uns alicates que tería utilizado para retirar as alarmas das pezas subtraídas. Nunha bolsa levaba unha blusa e un vestido dos que non tiña recibo e que ela mesma recoñeceu que acababa de subtraer en H&M.