Cederán espazo en Barro-Meis para o premiado por AJE como novo empresario
Por Alejandro Espiño
Os proxectos empresariais que se presenten á convocatoria aberta por AJE para o premio ao novo empresario do ano terán un aliciente engadido. Poderá elixir entre unha oficina ou unha nave no polígono industrial de Barro-Meis.
Así se recolle no convenio de colaboración entre a Deputación e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, segundo desvelaron este mércores as súas respectivas presidentas, Carmela Silva e Lucía Pedroso.
"En los 26 años de AJE es la primera vez que firmamos un convenio de estas características", afirmou Lucía Pedroso, que explicou que será o gañador do premio, en función das súas necesidades e da súa actividade, quen elixa entre a oficina e a nave.
Será un acordo que terá unha vixencia dun ano prorrogable a dous, que permitirá que nesas instalacións se poida desenvolver un proxecto empresarial.
Carmela Silva destacou a relación de diálogo que "desde el primer momento" tivo o goberno provincial con AJE, axudando a que "los que tengan ganas de emprender tengan los cauces y los instrumentos que lo permitan".
Este convenio, dixo, enmárcase nas iniciativas da Deputación para a promoción do emprendemento e o impulso de proxectos empresariais que permitan a creación de actividade económica e emprego na provincia.