Cirurxía laparoscópica para renovar o colector de augas pluviais de Loureiro Crespo
Por Oskar Viéitez
Este martes 18 de outubro comezan os traballos de rehabilitación do colector de augas pluviais da Rúa Loureiro Crespo á altura do número 64.
A empresa Viaqua utilizará un novo sistema para recubrir internamente a canalización de fibrocemento que non precisa abrir ningún foso.
Algo semellante á cirurxía laparoscópica, unha técnica que substitúe ao tradicionar corte con bisturí realizando intervencións cirúrxicas a través de pequenas incisións, o que permite que o paciente se recupere antes e mellor.
Neste caso o 'paciente' é a rúa Loureiro Crespo que ten un tramo de colector deteriorado debido á súa antigüidade, presentando a maioría das súas xuntas intermedias separadas, o que provoca filtracións nos edificios lindeiros.
Esta particular 'laparoscopia' permitirá o recubrimento interno da canalización de fibrocemento sen ter que abrir gabias. Este método repara a tubaxe introducindo unha mangueira no seu interior, previamente impregnada dunha mestura de resina e endurecedor. O posterior curado e forxado da resina mediante a introdución de auga quente, facilita que a canalización interior quede axustada e estanca.
Ademais para a correcta execución dos traballos será necesario realizar o fresado dos obstáculos interiores e acometidas penetrantes no colector de formigón mediante robot fresador, a limpeza do citado colector mediante equipo succionador-impulsor de auga a presión, e a inspección da canalización con equipo robotizado de cámara de vídeo.
A aplicación destas innovadoras tecnoloxías reduce notablemente a duración das tarefas para executar polos operarios, á vez que minimiza as molestias aos veciños, descartando a escavación e utilización de maquinaria convencional, e permitindo manter intacta a pavimentación.