Como vai a pagar Sanxenxo a sentenza dos irmáns Rocafort?
Por Redacción
Esa é a pregunta que se fai o goberno municipal de Sanxenxo. Os tres millóns de euros máis intereses que o Concello deberá abonar aos irmáns Rocafort pola expropiación dunha leira trae de cabeza aos responsables políticos do concello. Por iso, solicitaron un informe aos servizos económicos para ver como afrontar este pago.
Sanxenxo, lembran desde o tripartito, está a facer fronte á sentenza do SU 13, negociada en pagos trimestrais ata finais de 2017 e que ascende a 4,8 millóns de euros sumados intereses, así como a outras indemnizacións importantes, aínda que de menor contía. Por iso é polo que o goberno municipal queira coñecer a súa dispoñibilidade financeira.
Os irmáns Rocafort solicitaron o pasado 26 de agosto o pago da sentenza ditada pola sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 7 de xuño, tendo en conta que a cantidade estipulada na mesma só pode ser modificada á alza e nunca á baixa.
Os demandantes presentaron un recurso de casación ante o Tribunal Supremo no que o Concello de Sanxenxo se personou. Con todo non puido recorrer o fallo ditado o pasado mes de xuño polo TSXG xa que o goberno anterior aceptara unha valoración da parcela de 2.609.332,56 euros, cantidade que tachou ademais de "adecuada".
A sentenza fixa unha indemnización de 3.010.872 euros. O feito de que a diferenza entre ambas as cifras sexa inferior a 600.000 euros imposibilita ao Concello para recorrer.
Este asunto remóntase a hai vinte anos. As normas subsidiarias, que estiveron en vigor 13 anos, recollían como zona verde a parcela propiedade da familia Rocafort, situada nas inmediacións do Paseo de Silgar, na rúa das Cunchas e estipulaban unha expropiación como fórmula para que esta superficie pasase a ser de goce público.
No ano 2003, a aprobación do PXOM mantivo esa mesma cualificación urbanística, pero adscribiuna ao Chan Urbanizable número 20, situado en Canelas, impedindo así calquera posibilidade de negociación. Desta forma a parcela da familia Rocafort pasou a ser unha carga para os seus propietarios, que asumen o poñela a disposición do Concello como condición para poder realizar o seu desenvolvemento.
Unha decisión urbanística que, segundo lembra o Concello, en ningún momento foi consensuada, nin exposta á familia Rocafort, o que provocou como primeira reacción dos propietarios presentar un contencioso-administrativo contra o PXOM, pedindo a anulación desta decisión.
Tras unha sentenza favorable, xa no ano 2011, os Rocafort diríxense inicialmente ao Concello para que proceda a expropiarlle a leira, e unha vez desestimada esta petición por parte da xerencia de Urbanismo recorreron ao Xurado de Expropiación de Galicia, ao que solicitaron a fixación do xustiprecio da expropiación, logrando no ano 2013 unha valoración de 3.010.872,38 euros.
Esta cantidade, que foi recorrida tanto polos propietarios como polo goberno anterior, foi ratificada en xuño por unha sentenza do TSXG.
Relacionadas:
-
O Supremo condena a Sanxenxo a pagar 9,9 millóns aos Rocafort pola leira e o vial de As Cunchas
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo reclamará a propiedade dos terreos dos Rocafort
Por Redacción |
-
Condenan ao Concello de Sanxenxo a pagar máis de 7 millóns de euros por unha finca aos irmáns Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición forza unha baixada do IBI maior da prevista polo tripartito de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Por que o tripartito de Sanxenxo agradece a Telmo Martín a súa valentía?
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín propón facer un aparcadoiro soterrado "sen que custe un euro aos veciños" na finca dos Irmáns Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O tripartito estuda medidas legais contra Telmo Martín pola sentenza da finca Rocafort
Por Redacción |