Un día entre aves mariñas
Por Redacción
Pasar un día gozando do noso medio natural e tratar de poñer en valor as numerosas especies de aves que viven cerca nosa. Foi o obxectivo da II xornada de observación de aves mariñas que organizou o colexio Sagrado Corazón de Placeres, na que participaron ducias de rapaces de dito centro educativo de Pontevedra, acompañados dos seus pais.
A xornada contou de novo coa colaboración do ornitólogo Victor Cabaleiro, autor da guía de aves e réptiles do ENIL da Xunqueira de Alba, así como a participación dos profesores do departamento de ciencias do propio colexio.
Tras unha primeira breve charla no salón de actos, que serviu de introdución da actividade no exterior, os rapaces saíron ao paseo de madeira que usan diariamente as mariscadoras de Lourizán para comezar a identificar ás diferentes especies de aves mariñas do contorno. Usando uns bos prismáticos puideron contemplar os paxaros e aprender algo máis da súa forma de vida.
Tratábase de poñer en valor a zona e amosar as numerosas especies que conviven no contorno máis próximo dos rapaces, unha actividade para nenos e adultos, que, ao igual que o ano pasado, foi gratuíta e aberta ao público en xeral.