SOS de Arume: Necesitan 20 actores para A Paixón, "senón acábase, arroxamos a toalla para sempre"
Por Alejandro Espiño
Ata o oito de marzo, quince días antes do seu estreo. ÿ o prazo que se marca o grupo de teatro Arume para atopar aos actores suficientes para poder representar A Paixón, que este ano celebraría o seu trixésimo quinto aniversario. En caso de non conseguir o número suficiente de actores, o espectáculo suspenderase. Pero non só este ano, senón para sempre, segundo sinalou o presidente do grupo, Juan García, a PontevedraViva.
"Nos últimos cinco anos xa nos custou atopar xente, pero este ano estamos peor que nunca. A un mes xusto de debutar, necesitamos como mínimo vinte homes", explica Juan García. "Senón os atopamos, isto acábase. Arroxo a toalla, pero para sempre. Estou canso de estar todos os anos pelexando con isto". Cre que a xente non se apunta á obra "polo tema de que non podemos pagar a ninguén".
Por iso é polo que manden un SOS á cidadanía. Fixérono durante todo o fin de semana, con perfomances na Praza da Ferrería, coas que pretenden concienciar aos pontevedreses para "non perder unha tradición que ten 35 anos" e que converte a Pontevedra case nunha pioneira deste tipo de representacións. "Ves como noutras cidades está en auxe e nós que temos unha longa tradición, estamos peor que ao principio".
En Arume son, actualmente, trinta persoas entre homes e mulleres "e así e imposible facer a Paixón", di o seu presidente, quen recorda ademais que "estamos nós sós, non temos axuda de ninguén para esta montaxe". Asegura que contan con 52 persoas, insuficientes de xeito evidente, di, "para poder representala como é debido". Máis aló dese mínimo, gustaríalles chegar aos 100 actores, 35 homes e 15 mulleres máis.
"Se fora por min, xa estaría suspendida", recoñece Juan García. "Pero o mozo que fai este ano de Jesús ten unhas ganas tolas que facer a obra e estamos intentando seguir". Ese mozo é Javier Couñago. Chegou a Arume o ano pasado a través dun chamamento similar ao de agora. E cando este ano o actor que interpretaba o papel principal non podía participar "propuxéronmo e aceptei á primeira".
Os ensaios da Paixón seguen, mentres tanto, en marcha. Realízanse, os venres e os sábados, nun local cedido pola parroquia de San Bartolomé. E iso que, con tanta personaxe sen cubrir, non é fácil. "Os papeis que quedan por cubrir son de catro frases, pero son fundamentais", explica Juan García, ao apuntar que faltan, por exemplo, actores para cinco dos doce apóstolos, para dez dos membros do sanedrín ou os verdugos que axustizan a Jesucristo.
"Todos homes", sinala o presidente de Arume, quen, pase o que pase descarta a posibilidade de que sexan mulleres quen interpreten eses papeis. "Isto non é un carnaval", asegura. "Os homes deben facer de homes e as mulleres de mulleres. Temos un pouco de orgullo e prefiro suspendela a que se convirta nun carnaval", sentenza.
En todo caso, Juan García destaca que Arume "non somos un grupo relixioso, senón un grupo de teatro", polo que non entende a falta de apoios. Explica que teñen previsto estrear en agosto a adaptación de Soño dunha noite de verán, de William Shakespeare, e o estreo dunha nova obra en galego. "Temos futuro, pero doe ver como pasan de nós como se fóramos bichos raros".
Todos aqueles que queiran colaborar con Arume e participar na representación da Paixón, que ten previsto celebrarse entre o 24 e o 30 de marzo, poden chamar ao teléfono 639 027 348 ou ben poñerse en contacto co grupo de teatro a través da súa páxina de Facebook.