Ameazan cunha folga na recollida de lixo ante o bloqueo na negociación do convenio colectivo
Por Oskar Viéitez
O comité de Cespa-Ferrovial Pontevedra, formado por UXT, CIG, Comisións Obreiras e USO, acaba de romper as negociacións do convenio colectivo que afecta a 125 traballadores que se ocupan da recollida de lixo, limpeza viaria, limpeza de colexios e instalacións do concello.
Unha vez rotas as negociacións, realizouse unha asemblea, o día 7 de outubro 2016, onde se acordaron unha serie de mobilizacións, entre elas unha concentración o día 3 de novembro ao mediodía ante as oficinas da empresa na rúa Andrés Muruais. Este é un día festivo para os traballadores ao ser o patrón. Outra concentración terá lugar un mes despois, o 3 de decembro.
Se este tipo de protestas non logran ningún avance na negociación do convenio por parte da empresa, este comité ten o respaldo concedido en asemblea por parte dos traballadores para comezar un conflito maior, unha folga a partir de decembro.
Desde o comité de empresa sinalan que despois de varios anos de conxelación salarial "así como de ningunha mellora social", a pretensión dos traballadores para este convenio é a "recuperación económica", xusto no extremo oposto está a empresa que pretende "recortes e perda de dereitos que xa estaban consolidados de convenios anteriores".
O comité de Cespa tamén sinala que nestes últimos anos a contratación foi "case nula" e que a maquinaria coa que se está prestando o servizo "está en moi malas condicións", que a carga de traballo que están a soportar os traballadores "é maior e en peores condicións", unhas circunstancias que "afecta o servizo que se presta aos cidadáns".
Relacionadas:
-
Os traballadores de Cespa aproban unha folga indefinida do servizo do lixo
Por Redacción |
-
Traballadores do servizo de limpeza concéntranse para reclamar unha suba salarial no convenio colectivo
Por Anxo Lourido |
-
Ingresa en prisión o detido por acoitelar o condutor dun camión do lixo en Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Multan a Cespa con 9.000 euros por non aclarar a súa política de contratación en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O PP reitera que o Concello paga máis do que debería a Cespa polo servizo de recollida de lixo
Por Redacción |