Incautan máis de media tonelada de peixe e marisco capturado irregularmente na Ría de Pontevedra
Por Redacción
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, comisaron máis de 11.400 quilos de peixe e marisco e incautaron 333 útiles de pesca e 4.100 metros de artes de enmalle en distintos operativos realizados polo litoral galego nos últimos días.
A maioría do peixe comisado pertence a un operativo de control de comercialización por estrada realizado o martes en Mondoñedo, no que axentes do servizo de Gardacostas, en colaboración con axentes do Seprona de Xove e da Garda Civil de Tráfico de Burela, requisaron 9.170 quilos de xarda. Ademais en Viveiro os axentes comisaron 10,5 quilos de marisco, a maioría percebe e tres artes.
A ría de Arousa tamén foi escenario de varios operativos, que se saldaron co comiso de 920 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 228 artes e 1.700 metros de artes de enmalle. A actuación máis significativa foi a que se realizou no porto de Ribeira a semana pasada onde os gardacostas requisaron 229 quilos de distintas especies, a maioría centola. O marisco estaba fondeado nos pantaláns do porto e dentro de seis viveiros e sacos de rede, tamén incautados por estar sen identificar.
A maiores, nas actuacións realizadas na área da ría de Pontevedra os axentes requisaron 600 quilos de peixe e marisco, 67 útiles e 1.425 metros de artes de enmalle. A maioría de peixe comisado, 350 quilos, é xarda, requisada nunha inspección en Marín. Ademais as inspeccións realizadas na ría de Vigo saldáronse co comiso de máis de 31 quilos, tres aparellos e 1.000 metros de artes de enmalle.
Na Coruña, os gardacostas requisaron 614 quilos de peixe e marisco e 18 aparellos. A maioría do produto comisado, 347 quilos, eran de polbo, que os incautaron esta semana nun control en Oleiros. Por outra banda, en Ferrol os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar comisaron 34 quilos de marisco, a maioría ameixa babosa, e tres sachos.
Finalmente na ría de Muros e Noia os axentes comisaron 42 quilos de distintas especies, a maioría ourizo e nove útiles e, en Fisterra, aprehendéronse de catro quilos de distintas especies de marisco e dúas nasas sen identificar.