Por fin! O pavillón de Cabanas-Salcedo terá auga corrente
Por Redacción
A obra que permitirá dotar de auga corrente ao pavillón deportivo de Cabanas-Salcedo está en marcha. Trátase dunha actuación demandada pola veciñanza -e cualificada de prioritaria polo Consello Parroquial- que porá fin á grave deficiencia que arrastra a instalación dende a súa apertura e que de sempre condicionou o seu uso.
A obra foi adxudicada por 82.098,50 euros a empresa Elsamex.
O concelleiro do Rural e delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez, sinala a complexidade do traballo debido ás cotas que ten que salvar a canalización. É a falta de presión a que impide o abastecemento regular de auga ao pavillón, un problema que quedará corrixido ao abeiro da instalación da rede de auga na avenida de Vigo.
Demetrio Gómez lembra que o Concello pode facer esta obra grazas a un acordo previo acadado coa xunta de augas e tamén coa comunidade de montes da parroquia que autorizaron o paso das canalizacións pola súa propiedade.