Un estudo calcula que o Porto de Marín xera uns 13.000 empregos na comarca
Por Oskar Viéitez
O impacto socio-económico do Porto de Marín na comarca pódese cuantificar en preto de 13.000 empregos entre directos, indirectos e inducidos segundo o estudo sobre "Valoración monetaria das mercadorías e análises do impacto socioeconómico do Porto de Marín na provincia de Pontevedra" realizado dentro do Máster en Economía, Mercados Financeiros e Empresa da Universidade de Vigo e que difundiu a Autoridade Portuaria.
Os empregos directos xerados polas actividades portuarias máis os indirectos, ligados aos subministradores de bens e servizos destas actividades, cifraríanse nuns 8.000 postos de traballo a tempo completo.
Se se consideran o efecto multiplicador das rendas xeradas (gasto en bens e servizos diversos que é posible realizar grazas ás remuneracións e salarios portuarios), estaríanse a xerar outros 5.000 postos de traballo de forma inducida. Dado que estas actividades principalmente desenvólvense na contorna máis inmediata, o porto estaría a soster unha parte moi significativa do emprego dos concellos de Pontevedra e Marín.
No Porto de Marín desenvólvese unha gran variedade de actividades relacionadas con sectores moi diversos como a pesca, a construción e reparación naval, o transporte e a loxística, limpeza e xestión de residuos, comercio internacional, administración pública (Aduanas, PIF, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, etc), agricultura e gandería, automoción, siderúrxico, madeireiro e forestal, etc.
Deste xeito, o emprego xerado pola actividade do Porto representaría o equivalente ao 1,4% do emprego total de Galicia, o 4,3% do emprego da provincia de Pontevedra e o 18% do emprego nas comarcas de Pontevedra e O Morrazo.
O valor anual da mercadoría que se move polo Porto de Marín sitúase ao redor dos 2.000 millóns de euros, tendo en conta que a tendencia nos últimos anos desta rada é á manipulación cada vez maior de mercadorías que requiren dunha operativa moi especializada e, por tanto, de alto valor engadido. Por iso o Porto de Marín figura entre as preferencias de moitos clientes que valoran a calidade no servizo aos diferentes tráficos e a axilidade loxística que ofrece este porto.
A importancia do Porto de Marín como centro loxístico é vital para a comarca na que se sitúa. É un dos cinco portos de interese xeral do Estado que hai en Galicia. Marín conta con vantaxes competitivas moi destacadas xa que está estratexicamente situado no Eixo Atlántico e conta con conexións directas a través de autoestrada e liña ferroviaria, o que favorece a axilidade no tránsito das mercadorías e redunda na importancia loxística deste enclave.
Uns 900 buques anuais moven preto de dous millóns de toneladas de mercadoría
Ademais, o Porto está entre os primeiros do Estado en transporte intermodal combinado barco-tren en proporción ao volume de mercadoría. A Marín chega mercadoría por vía marítima que despois se distribúe por tren a toda a península. O Porto de Marín é así porta de entrada a Europa desde Sudamérica para as grandes rutas regulares transoceánicas e funciona como porto de colectores co resto do mundo. Grazas a este servizo, desde Marín pódese importar ou exportar mercadoría a calquera país.
Anualmente, xa existen intercambios comerciais entre o Porto de Marín e máis de 70 países. Uns 900 buques anuais moven preto de dous millóns de toneladas de mercadoría, tanto de importación como de exportación. Marín conta con terminais e operadores moi especializados nos diferentes tráficos (pasta de papel, graneis, colectores, siderúrxicos, froita, etc...) ademais de dispoñer dunha terminal cuberta pioneira en España que permite a operativa de carga e descarga mesmo en condicións climáticas adversas.
Relacionadas:
-
O porto de Marín retirou 715 toneladas de residuos
Por Redacción |
-
A UNED organiza un curso de comercio internacional
Por Redacción |
-
Declarada deserta, por terceira vez, a licitación para aumentar o calado na terminal de colectores de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O Porto de Marín presenta os seus servizos para froita e hortalizas na feira internacional Fruit Attraction
Por Redacción |
-
A CIG denuncia o atraso da xubilación dos tripulantes en buques palangreiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A pesca conxelada crea un milleiro de empregos directos no Porto de Marín
Por Redacción |