Dezasete traballos universitarios optan aos premios Ernestina Otero
Por Redacción
Un total de dezasete traballos concorren aos premios Ernestina Otero, que convoca a concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra coa fin de incorporar a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e master para os estudantes das universidades galegas.
Os traballos presentados, de acordo coas bases do concurso, foron defendidos ao longo do curso académico 2015-2016 e todos teñen temáticas que tentan o fomento da igualdade entre homes e mulleres e promover a participación e sensibilización de toda a cidadanía neste obxectivo.
O uso da linguaxe sexista e o rol das mulleres nos libros de texto, na publicidade ou na educación, a sexualidade, o mercado do traballo ou a avaliación xurídica de delitos atentatorios contra a liberdade e dignidade da muller son cuestións analizadas nos traballos universitarios que optan aos premios Ernestina Otero.
Será premiado o mellor traballo que incorpore a perspectiva de xénero e a súa facilidade de posta en práctica, promovendo accións que favorezan e fomenten a igualdade real entre homes e mulleres.
Concederanse catro premios para as dúas categorías: dous premios para os dous mellores traballos de fin de grao por importe de 1.000 euros cada un, e outros dous para os dous mellores traballos de fin de máster por importes de 1.000 euros cada un deles.
As persoas que obtiveran o premio recibirán, ademais da achega económica, un diploma de mención pola presentación do seu traballo. O xurado tomará unha decisión e dará a coñecer aos gañadores dos premios Ernestina Otero a semana anterior ao 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Relacionadas:
-
A terceira edición dos premios Ernestina Otero xa teñen gañadores
Por Redacción |
-
Igualdade convoca unha nova edición dos premios Ernestina Otero
Por Redacción |
-
Desmontar estereotipos nas aulas e a arte ten premio
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Pontevedra rende unha sentida homenaxe ás mulleres represaliadas durante o franquismo
Por Redacción |