CIG Saúde denuncia a sobrecarga de traballo no Hospital do Salnés
Por Redacción
CIG-Saúde denuncia que no Hospital do Salnés non existe radiólogo de garda física pese a que, cunha media de máis de 100 urxencias ao día, "a carga asistencial do centro o xustifica e o resto dos servizos o reclama".
Segundo o sindicato, este feito está a obrigar aos profesionais, cando están de garda localizada, a desprazarse ao centro en numerosas ocasións e a prolongar a súa presenza durante varias horas para poder atender a demanda asistencial, "realizando en realidade gardas presenciais encubertas".
"A administración aprovéitase da boa vontade dos profesionais e por non ter, nin sequera existe unha lexislación que regule minimamente o concepto de “garda localizada", din dende CIG-Saúde. Entre outras consecuencias apuntan que ademais dos efectos económicos, con esta situación non se respectan os períodos obrigatorios de descanso entre xornadas e, debido aos tempos de desprazamento dos profesionais, existe unha demora na realización das probas, que incrementa os tempos de espera polos resultados.
Este feito resulta de especial relevancia cando se trata de patoloxías graves que requiren traslados ou intervencións urxentes nas que o tempo corre en contra do prognóstico do paciente.
Para a central nacionalista "compararse con outros servizos de saúde como o vasco ou o asturiano (con gardas de presenza en todos os hospitais comarcais) resulta vergoñento".
CIG-Saúde esixe da Xerencia do Hospital do Salnés aumentar as gardas de presenza e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) negociar en Mesa Sectorial unha norma que regule as gardas localizadas.
Relacionadas:
-
O novo bloque cirúrxico do Hospital do Salnés entra en funcionamento
Por Redacción |
-
Os pacientes oncolóxicos de Arousa poderán ser atendidos dende outubro no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés cubrirán en réxime de interinidade preto de 40 prazas vacantes
Por Redacción |