Santa Cristina de Cobres quere terminar con "Australia", a acacia negra
Por Redacción
A acacia negra converteuse nun problema tan grave que xa foi rebautizada popularmente na contorna de Cotorredondo como 'Australia', país do que procede. A Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres de Vilaboa leva varios meses executando unha campaña de eliminación desta especie invasora, que coloniza a zona debido ao seu rápido crecemento e densidade. A súa presenza termina eliminando ás especies autóctonas como castaños, carballos americanos e piñeiros.
A campaña iniciábase a pasada primavera pero tivo que suspenderse durante o verán debido ás altas temperaturas. A efectividade do tratamento químico redúcese por encima dos 30 graos. Desta forma, a iniciativa retomouse a mediados de setembro.
A eliminación acompáñase do tratamento químico do toco, para evitar que a especie rebrote. Este método eleva o custo das intervencións, segundo apuntan desde a Comunidade de Montes e por ese motivo reclaman a implicación das administracións.
A actuación acometeuse nunha superficie aproximada de 6 hectáreas entre o lago de Castiñeiras e o miradoiro de Cotorredondo. Esta eliminación xerou unha importante cantidade de madeira que se pode aproveitar para leña no consumo doméstico. Pode ser recollida polas persoas que estean interesadas.