O IES Sánchez Cantón vence no IV Club de Debate e representará a Pontevedra na fase galega
Por Redacción
O IES Sánchez Cantón foi o gañador do IV edición do Club de Debate de Pontevedra cuxa fase final celebrouse este sábado no Café Moderno cun grande seguimento de público. O xurado cualificou as intervencións dos dous equipos (Sánchez Cantón e Ponte Caldelas) como moi "brillantes e moi traballadas". De feito as cualificacións foron moi apretadas, 198,5 puntos para o Sánchez Cantón fronte aos 196 de Ponte Caldelas.
A fase final, na que se debatía o tema "Temos liberdade para escoller en que lingua falamos?" discorreu cun grande sentido da competitividade pero tamén do compañeirismo, amosando a profesionalidade e o bo facer de ambos equipos. En xeral, de todos os que participaron nesta edición do Club de Debate, cinco centros educativos de Pontevedra (IES Torrente Ballester, IES A Xunqueira I, IES Sánchez Cantón, IES Luis Seoane e o CEIP Salvador Moreno), máis os IES de Poio e Ponte Caldelas.
O equipo gañador pasará a disputar a fase galega que será o vindeiro 4 de maio, en Santiago de Compostela e que terá como tema "O galego é unha oportunidade?". Para esta segunda edición da fase galega o 16 de novembro de 2012 dez concellos asinaron unha addenda ao protocolo de colaboración xa existente; participan os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo.
O gañador terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 25 persoas nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade. Ademais, recibirá tamén un premio en materia cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros.
O Club de Debate naceu ao abeiro do que sinala o Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico, a mocidade, e recolle a responsabilidade que lle atribúe á Administración local no seu cumprimento.
Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).