O Hospital Provincial organiza un taller de maquillaxe para pacientes oncolóxicas
Por Redacción
O Hospital Provincial acolleu esta semana o segundo taller de cosmética e maquillaxe dirixido ás pacientes oncolóxicas da área sanitaria.
Tras a boa acollida da primeira sesión, a xerencia en colaboración coa Fundación Stanpa, celebrou un novo obradoiro do programa "Ponte guapa, te sentirás mejor", no que dúas esteticistas profesionais impartiron ás asistentes formación práctica sobre o coidado da pel e o uso da maquillaxe.
Nesta ocasión, foron nove as pacientes que participaron no taller de dúas horas de duración e que volverá repetirse o vindeiro mes de decembro. No transcurso do mesmo, dúas esteticistas profesionais guiaron ás pacientes ao longo de doce pasos para recuperar o seu aspecto natural: dende a limpeza e a hidratación da pel ata a corrección de imperfeccións e a aprendizaxe de técnicas de maquillaxe.
Para isto, a Fundación Stanpa proporciona a cada unha das mulleres asistentes un neceser de produtos doados por diferentes marcas de cosmética que, unha vez finalizada a actividade, poden levar para as súas casas.
Esta iniciativa, posta en marcha o pasado mes de xullo, vai dirixida a calquera muller con tratamento oncolóxico ou que está a piques de inicialo e queira participar. As interesadas en formar parte de esta experiencia tan só teñen que comunicalo na unidade de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Ofrecer ás mulleres que están loitando contra o cancro, de maneira gratuíta e voluntaria, unha formación práctica no coidado da pel e maquillaxe para que recuperen o seu aspecto natural é a finalidade que guía ao programa "Ponte guapa, te sentirás mejor", de maneira que as pacientes poidan afrontar a súa enfermidade cunha maior confianza e recuperar o ánimo.
Relacionadas:
-
Máis de cen pacientes aprenden a coidar a pel e o cabelo mentres loitan contra o cancro
Por Redacción |
-
60 pacientes de Oncoloxía participaron nos talleres de maquillaxe nos hospitais de Pontevedra no último ano
Por Redacción |
-
O 20% dos tumores de mama danse en mulleres menores de 45 anos
Por Mónica Patxot |
-
Chega ao Provincial o programa 'Ponte guapa, te sentirás mejor' para pacientes con cancro
Por Redacción |