Construcuatro vota a Eduardo Barros e, horas despois, dimite do pleno da Cámara
Por Redacción
Primeiro día de mandato de Eduardo Barros á fronte da Cámara de Comercio e primeira dimisión. ÿ un síntoma máis da grave crise que se vén rexistrando dentro da entidade cameral pontevedresa. O xerente da construtora Construcuatro, José Manuel Torres García, presentou en nome da súa empresa a dimisión do pleno e do comité executivo da Cámara de Comercio, apenas doce horas despois de apoiar a Eduardo Barros como o home encargado de liderar o proxecto cameral ata que o goberno aprobe a Lei de Cámaras pola que se regularán as eleccións nestas entidades. O pleno está formado por 26 membros. Anoite só 16 acudiron á elección de Barros.
Torres García asistía a este pleno do xoves 21 na sede pontevedresa, como se pode observar nas fotos de PontevedraViva, para apoiar o único candidato, Eduardo Barros, que se presentaba para presidir eventualmente a Cámara. Non obstante, o escrito de dimisión presentado esta mañá tiña data do 15 de xaneiro deste ano.
PontevedraViva intentou, sen éxito, poñerse en contacto co xerente da construtora para coñecer as causas da dimisión e o motivo polo que se atrasou tanto a presentación do escrito cando a decisión estaba tomada hai máis dun mes. Fontes de Construcuatro manifestaban o seu descoñecemento e sorpresa ante esta información e sinalaban que José Manuel Torres García non se incorporará ao seu despacho ata o luns.
Eduardo Barros, presidente de transición, sinalaba esta mañá en rolda de prensa que a súa intención era loitar pola unión dentro da Cámara de Comercio e recoñecía que no comité executivo había 2 vacantes, correspondentes ao presidente e ao representante da Confederación de Empresarios de Galicia, mentres que no pleno as baixas eran 3. A estas hai que sumar agora a de Construcuatro.