Os comuneiros de Ponte Sampaio piden medidas ao Concello para garantir a seguridade viaria no Vilar
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Ponte Sampaio vén de pedir ao Concello de Pontevedra que actúe para retirar unha serie de pedras existentes na pista que vai desde o lugar de Vilar ata O Rañadorio porque "obstaculizan a circulación e xeran situacións de perigo".
Os comuneiros piden a retirada destas pedras como "única maneira de garantir a seguridade viaria e que non se produzan problemas circulatorios nesta estrada", coma os que houbo durante o pasado verán durante os incendios forestais na zona e tamén noutras xornadas.
A comunidade de montes entregou por rexistro un escrito no que explica que no lugar de Vilar viviron nas últimas semanas varios incendios que chegaron a lugares moi próximos ás vivendas e mobilizaron ata alí numerosos medios dos servizos de extinción, tanto do Concello de Pontevedra como da Consellería de Medio Rural. Os vehículos, moitos deles de gran tamaño, tiveron dificultade para circular pola citada pista debido á presenza ao carón da estrada dunha serie de pedras que ocupan parte do espazo polo que deberían circular os coches.
Ademais, lembran que esas pedras xa ocasionaron problemas no pasado ao dificultar a circulación de vehículos pola zona. Os veciños teñen coñecemento de pequenos accidentes nesta estrada producidos ao intentar cruzarse dous coches e ir un deles cara as pedras que obstaculizan a calzada.