Á espera de máis de 600 comensais na Festa do Petote en Cotobade
Por Redacción
O petote é unha mestura de fariña de trigo e millo. Elabórase moldeándoo como un bolo e bótase a cocer na auga da cacheira do cocido. Trátase dun produto cunha receita que xurdeu durante a guerra civil española e agora cobra protagonismo na Festa que leva o seu nome e que chega xa a súa cuarta edición no Concello de Cotobade.
A festa vai desenvolverse no Pavillón de Carballedo. Alí, os adultos poderán degustar, por 15 euros, un apetitoso menú composto por petote, costela, chourizo, lacón, "chourizo ceboleiro", patacas, verduras, cacheira e postre. Os menores de seis anos, por un prezo de 5 euros poderán tomar un prato de costelas, patacas, chourizo e petote. Haberá ademais postos de elaboración de filloas, obradoiros, actividades e talleres de artesanía.
Durante a presentación, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, indicou que o orzamento deste ano viuse reducido a un 80% respecto da pasada edición rondado os 4.500 euros. O pregoeiro deste ano é o escritor Rodrigo Cota, colaborador de PontevedraViva, de quen o rexedor indicou que se trata dun autor que acaba de publicar un curioso libro sobre o secuestro do presidente do goberno, Mariano Rajoy, e no pregón "algo vaime dedicar a min, seguro". A festa será animada pola Charanga Charandonga. E agárdase que nesta edición poida repetirse o éxito da anterior con máis de seiscentos comensais.