Novos sinais para miradoiros e praias
Por Redacción
Sanxenxo ofrecerá a próxima primavera unha imaxe renovada aos visitantes, no que a sinalización se refire. A Concellería de Turismo atópase inmersa nun proxecto de modernización dos sinais de praias e miradoiros de Sanxenxo, que estarán complementados con paneis informativos que, en varios idiomas, ofrecerán detallada información sobre todo a contorna. Na elaboración destes paneis, a Concellería traballa coa asociación Ollares de Portonovo, que se encargará de achegar o material gráfico. Jesús Sueiro, edil de Turismo, agradece o apoio altruísta deste colectivo.
Este proxecto compleméntase ademais cunha iniciativa pioneira en sinalización intelixente, xa que as columnas que soportarán os sinais indicativos dispoñerán dun código que permitirá ao usuario acceder, sen necesidade de descargar no seu dispositivo ningún tipo de aplicación, sobre o municipio, tanto no que se refire a rutas de sendeirismo ou lugares de interese como a hoteis ou restaurantes e mesmo eventos puntuais que vaian ter lugar en Sanxenxo.
Trátase dunha iniciativa experimental que a Concellería de Turismo implantará inicialmente no porto deportivo, coa instalación en varios puntos, pero que podería ser extensible a outros lugares do municipio.
A primeira parte deste proxecto, o relativo á sinalización de praias e miradoiros conta cunha subvención da Xunta do 65% do custo, asumindo a cantidade restante a Concellería de Turismo.
Esta actuación permitirá renovar todos os sinais de acceso ás praias xa que o edil de Turismo, Jesús Sueiro, considera que unha sinalización moderna é un elemento prioritario na ordenación do sistema de mobilidade, tanto para a posta en valor dos seus recursos como para o consumo das actividades e servizos, en particular os ligados ao turismo.
Ademais de sinalizar as praias, a actuación inclúe unha señalítica específica para os miradoiros. A Granxa, Aldariz, Palacios-A Carabuxeira, Punta Vicaño, Caneliñas, As Canteiras, Festiñanzo, Rouxique, a ermida da Lanzada, Cabicastro, Punta Faxilda e Pragueira contarán ademais duns paneis informativos nos que se poderán visualizar fotografías de cada un deles e un texto explicativo sobre o lugar que poderá lerse en tres idiomas.
Este é o primeiro paso para a futura elaboración dunha ruta de miradoiros que una todos os espazos do municipio que poden ofrecer unha visión panorámica do mesmo, constituíndose como un recurso turístico máis.
Jesús Sueiro insiste en que Sanxenxo conta con numerosos servizos, puntos de interese e recursos turísticos e para facilitar ao visitante ou turista a organización dunha visita é necesario estruturar a información. De aí a importancia de estruturar en mapas a información relativa aos puntos de interese e recursos turísticos e que estea xeolocalizada, tematizada e sobre todo xerarquizada por nivel de interese, para que o usuario, en pouco tempo, poida descubrir os principais atractivos do municipio e organizar ao redor deles a súa estancia en Sanxenxo.
Desde a Concellería de Turismo traballan para implantar unha sinalización intelixente en todo o municipio, a través dun sistema de xestión de dispositivos de conexión capaz de traballar con información georreferenciada e que funcione na nube.
O obxectivo de Jesús Sueiro para esta lexislatura é implementar en Sanxenxo un sistema de información turística multidioma que permita a consulta da información en cada conexión en liña. En cada sinal intelixente a información que recibirá o usuario poderá ser actualizada de forma sinxela polos técnicos do Concello e ofrecerá información relevante para o turista e o visitante.
Relacionadas:
-
Sanxenxo amplía a sinalización das praias do municipio
Por Diego Espiño |
-
Reclaman solucións para mellorar o estado actual da praia da Carabuxeira
Por Redacción |
-
Voluntarios retiran o lixo acumulado nas praias de Montalvo e Bascuas
Por Redacción |
-
Sinalización turística intelixente para o porto de Sanxenxo
Por Redacción |