"Problemas administrativos" impiden ao Concello do Grove contratar persoal para a Festa do Marisco
Por Redacción
A bolsa de emprego posta en marcha para a Festa do Marisco de 2016 segundo o compromiso adquirido cos outros grupos políticos da corporación, plantexou nesta primeira experiencia dous problemas básicos.
Por unha banda, durante o período de prazo de presentación de solicitudes (que coincidiu co mes de agosto) apenas se tiñan presentado expedientes o que fixo necesario ampliar o mesmo durante os primeiros días de setembro. Nesa ampliación de prazo foron presentadas 200 solicitudes (no ano 2015 foron 75 as persoas que traballaron na festa).
Segundo informaron dende o goberno local, o proceso de revisión desas solicitudes fixo que se detectara unha nova incidencia xa que o 80% das mesmas non presentaban a documentación correcta. Deste xeito, debía establecerse un procedemento de subsanación co correspondente prazo para que os interesados aportaran documentación. Neste punto os servizos administrativos e de intervención advertiron de que non resultaba posible contar coa fixación de salarios e a xestión dos contratos no prazo necesario para que o persoal puidera incorporarse (debe terse en conta de que a preparación da Festa comeza dende o luns día 3).
O grupo de goberno mantivo entón unha reunión cos grupos da oposición para informarlles directamente destas incidencias. Dende os servizos administrativos do Concello plantexouse como solución convidar ás persoas inscritas na correspondente bolsa a incorporarse como voluntarios para o evento. Trátase dunha solución provisoria e de urxencia que deberá servir como experiencia para corrixir o procedemento de cara o ano próximo xa que se estima que a convocatoria da bolsa deberá realizase en canto se aprobe o orzamento do ano 2017.
A partires deste sábado procederase a chamar ás persoas inscritas na bolsa de emprego que cumpran cos requisitos, sendo estas as que acepten se queren formar parte da Festa como voluntarios, a non aceptación non ten ningún tipo de consecuencia na inclusión da persoa nesta ou en futuras bolsas de emprego.
As persoas que se incorporen como voluntarios contarán cunha retribución de 50 euros ao día
Ao igual que se fixo no ano 2015 todo o proceso de selección será adecuadamente informado. Debe terse en conta que os distintos postos contan con desigual número de solicitudes, así no referido a cociña e servizo son menos persoas as que se inscribiron que en limpeza, sendo tamén reducido o número de solicitudes para caixa. Tamén é subliñable o feito de que un 30% das solicitudes son de persoas non residentes no Grove.
As persoas que se incorporen como voluntarios contarán cunha retribución de 50 euros ao día. Incorporaranse persoas para caixas, atención ao público, cociña, despacho de produto, limpeza e montaxe. A complexidade do procedemento de contratación necesario para este evento quedou claramente demostrada este ano, coa dificultade que implica a xestión de 75 contratos para un período de entre 10 e 15 días como máximo. O goberno local organizará unha mesa de traballo ao respecto en canto remate a Festa, contando cos grupos da oposición e cos técnicos municipais deste área para estudiar os erros e buscar solucións aos mesmos.