O refuxio 'La Roiba' de Bueu, homenaxeado no Día Mundial da Arquitectura
Por Redacción
A obra do refuxio de 'La Roiba', en Beluso (Bueu), será este ano protagonista do Día Mundial da Arquitectura na delegación territorial de Pontevedra. Segundo anunciou o Colexio de Arquitectos de Galicia, será homenaxeada como obra exemplar da arquitectura moderna española en termos de "sostibilidade, adaptación e respecto polo seu contorno".
O Día Mundial da Arquitectura celébrase o próximo luns 3 de outubro baixo o lema 'Deseñar un futuro mellor', de acordo á convocatoria anual que fai a Unión Internacional de Arquitectos (UIA), coa que se vai poñer de manifesto que fronte a un maior número de desafíos mundiais, o papel da arquitectura, do urbanismo e da concepción arquitectónica é cada vez máis decisivo na construción dun futuro mellor.
As sete delegacións galegas do Colexio de Arquitectos de Galicia organizarán para a Semana da Arquitectura diversas actividades que en Pontevedra inclúen unha visita ao refuxio de 'La Roiba', obra do arquitecto coruñés Ramón Vázquez Molezún e que foi recentemente rehabilitado grazas a un proceso de crowdfunding.
A visita, que se celebrará ás 17.30 horas, contará coa asistencia de representantes colexiais, autoridades locais e autonómicas, así como colexiados e cidadáns interesados en coñecer de preto esta obra exemplar da arquitectura moderna española.
Durante o acto descubrirase unha placa conmemorativa e permitirase a entrada á vivenda en pequenos grupos, acompañados da filla do arquitecto María Vázquez. Posteriormente compartirase un viño no restaurante A Centoleira, no mesmo porto de Beluso.
A delegación pon un autobús a disposición dos colexiados e interesados en asistir á visita, que sairá as 16:30 horas desde a Praza de Galicia en Pontevedra e que ten previsto o regreso ás 19:30 horas. (É preciso confirmar a reserva de praza no autobús e a asistencia ao acto no mail xd.pontevedra@coag.es).