Cornelia viaxa a un laboratorio de Miami para someterse á proba do Carbono 14
Por Anxo Lourido
Os restos arqueolóxicos de Cornelia, como se denominou á muller cuxos ósos foron atopados no xacemento da Lanzada, trasladaranse a Miami de maneira inmediata, acompañados polos restos óseos do segundo bebé e do can aparecido no castro. Así o afirmou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante este venres 30.
Carmela Silva avanzou tamén que se atoparon máis restos humanos no espazo de cinco metros onde xa descubriran os outros achados. Sinalou que posiblemente se trate de ósos de dous bebés máis. Na Universidade de Santiago están a estudarse estes elementos mentres os máis destacados serán analizados nos laboratorios tecnicamente máis avanzados e que ofrecen maiores garantías internacionais, sinalou a presidenta provincial, para ser sometidos ás probas de Carbono 14 e de coláxeno co obxectivo de concretar a que época corresponden e se se pode profundar sobre a existencia dunha civilización nese punto da Lanzada.
PREOCUPACIÓN POLA INACCIÓN DE FOMENTO
Pero a presidenta da Deputación tamén mostrou a súa preocupación pola falta de acción do ministerio de Fomento en relación cos tres castros nos que están a traballar os técnicos. Sinala que existe un protocolo asinado para que o goberno estatal invista 4 millóns de euros nos castros de Santa Trega, Alobre en Vilagarcía de Arousa e o da Lanzada. Con todo, Carmela Silva denuncia que desde 2014 o ministerio non realizou ningunha das actuacións que terían que acometer que se centran na consolidación, sinalización e musealización dos xacementos.
Ante esta situación, os traballos no castro da Lanzada detivéronse desde este xoves 29 ás 08.00 horas. Ante o temor a que se inicien choivas fortes durante o mes de outubro, a Deputación decidiu dar un paso máis e asumir as competencias que lle corresponden a Fomento, segundo indicou Silva, para comezar a redactar os proxectos de consolidación. "Non podemos consentir que todo o traballo que fixemos desapareza", indicou a presidenta provincial.
Carmela Silva emitiu unha segunda carta dirixida ao ministro de Fomento, Rafael Catalá, lembrándolle a obrigación de realizar o investimento previsto. A primeira misiva enviada non chegara ao máximo responsable do departamento, segundo indicou a dirixente provincial. E reclama a intervención criticando que poden asinar a concesión de 60 anos para Ence, pero non para cubrir as obrigacións que están orzadas.
Durante estes días, os arqueólogos están a traballar na limpeza dos castros de Alobre e Trega, á espera para continuar na Lanzada.
Relacionadas:
-
A exploración no xacemento da Lanzada retomarase a semana que vén
Por Redacción |
-
Así será a restauración e musealización de 18 castros da provincia
Por Redacción |
-
Achan un puñal nas excavacións da Lanzada
Por Redacción |
-
Cornelia é do século V, Miami confirmouno
Por Oskar Viéitez |
-
O achado dos esqueletos dun bebé e dous adolescentes eleva a dez os restos localizados no xacemento da Lanzada
Por Redacción |
-
Carmela Silva critica a "caradura" do PP por sinalar á Deputación como "a única responsable" do abandono dos castros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O goberno de Carmela Silva decide retomar os traballos de escavación no campo da Lanzada
Por Redacción |
-
Os arqueólogos descobren o esqueleto dun segundo bebé no Campo da Lanzada
Por Oskar Viéitez |
-
Despois do descubrimento de Cornelia os arqueólogos achan o esqueleto dun bebé na Lanzada
Por Redacción |
-
Achan un esqueleto dunha muller nova no xacemento da Lanzada
Por Redacción |