Louzán ve "manifiestamente mellorable" a reforma da Administración local proposta polo seu partido
Por Natalia Puga
O presidente da Deputación de Pontevedra, 'popular' Rafael Louzán, segue o ronsel marcado polo seu xefe de filas no PPdeG e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nas súas críticas ao Anteproxecto de Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local que promeve o seu propio partido dende o Goberno estatal. En opinión do presidente pontevedrés, o documento presentado nos últimos días é "manifestamente mellorable".
Louzán manifestouse desta forma horas antes de que este sábado se reúna con dirixentes do seu partido a nivel provincial para abordar a proposta de reforma da Administración local promovida polo PP dende Madrid, pero despois de que xa Feijóo valorase que "hai apartados que se poden mellorar" e anunciase que presentará alegacionesl anteproxecto presentado.
O líder do PP en Pontevedra interveu no Pleno da Deputación unha vez que o Grupo Provincial do PSdeG-PSOE presentase unha moción para instar ao pleno da Deputación a que se dirixa o Goberno pedindo que a reforma da Lei de Bases de Réxime Local sexa negociada cons propios concellos a través da FEMP e a FEGAMP.
Louzán coincide co PSdeG na necesidade de reformularse o anteproxecto, pero botou na cara ao voceiro dos socialistas, Santos Héctor Rodríguez, que lese no Pleno unha moción diferente á presentada hai once días no rexistro provincial, e pediulle que retirase a moción para que todos os grupos políticos levasen á próxima sesión plenaria propostas que permitan un acordo consensuado da Corporación fronte ao documento. Santos Héctor non quixo retirar a moción, de modo que o Pleno a tombou cos votos en contra do PP e a abstención do BNG.
O Pleno da Corporación provincial si aprobou por unanimidade o regulamento do servizo de lazaría e do centro de acollida e protección de animais de Armenteira (Meis), que entrará en funcionamento o próximo mes de marzo e prestará servizo inicialmente a 47 dos 62 municipios da provincia.
A empresa Tragsa será a encargada da xestión inicial deste servizo provincial de recollida de animais, despois de que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio autorizase a firma dun convenio coa Deputación para este fin. O servizo supoñerá un custo anual de 250.000 euros e beneficiará a unha poboación de 378.771 habitantes, o que supón que o prezo que se deberá aboar polo mesmo é de 0,66 euros por habitante e ano.
O financiamento do servizo farase entre Deputación e concellos, de forma que os segundos deberán pagar 30 céntimos por habitante e ano (un total de 113.631,13 euros entre todos os concellos), e a Administración provincial cubrirá os 136.368,70 euros restantes, achegando 0,36 euros por habitante e ano.
O vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa presentou o proxecto en rolda de prensa antes da súa aprobación no Pleno e explicou que e obxectivo do servizo é incidir na concienciación e sensibilización da poboación tanto en pro das adopcións como en contra dos abandonos, así como no máximo respecto ás necesidades, ao benestar e aos dereitos dos animais.
Neste sentido, a xestión do centro incluirá medidas de vixilancia para a identificación e rexistro de animais, programas de vacinación e esterilización, campañas para promover a tenza responsable de animais e de sensibilización para erradicar o abandono e os malos tratos, fomentando as adopcións sobre calquera outro destino e colaborando coas asociacións protectoras de animais.