20 cursos compoñen a programación do primeiro semestre do Centro de Información á Muller (CIM)
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra presentou a programación do primeiro semestre do Centro de Información á Muller (CIM) que neste ano dividiuse en varias áreas, de forma que as actividades abarcan distintos contidos cos que se tivo en conta a demanda das usuarias. Se trata de 20 cursos aos que, segundo a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, as mulleres interesadas poderán apuntarse desde o próximo luns 25 de febreiro.
Dentro do epígrafe "Un tempo propio", o CIM presenta unha serie de cursos cos que se pretende, dixo Carmen Fouces, "mellorar os hábitos de vida das mulleres". Centrados no coñecemento estarían os cursos de "Enrédate", destinados especialmente á alfabetización informática, ou os de "Empléate" cos que se busca que as participantes desenrolen certas habilidades que as axuden no mercado laboral.
Por último, "Asóciate, mobilízate" estará destinado á interconexión entre todas as asociacións de Pontevedra para "conseguir un tecido asociativo que albergue ás mulleres", e "Coñécete/Coñeceo" estará centrado no ámbito afectivo e sexual. Este último será mixto, xa que segundo Carmen Fouces "entendemos que a educación afectiva non só e cousa de mulleres".
Todos estes cursos estarán impartidos por mulleres, salvo o de informática que o dará o servizo propio da Casa Azul. "Era algo que nos parecía moi importante, incluso nos cursos mixtos, que as docentes sexan mulleres", explicou a concelleira nacionalista. Entre outras características, Carmen Fouces destacou que as monitoras "son novas, con formación e emprendedoras" e no caso dos cursos de idiomas "son mulleres nativas que están vivindo en Pontevedra".
Os criterios de selección mantéñense, de forma que se dará prioridade ás mulleres empadroadas no Concello de Pontevedra, aínda que se quedan prazas libres nos cursos (20 para un) poderánse apuntar mulleres de outros concellos. Todas as actividades terán lugar na Casa Azul e teñen carácter gratuito.