Condenan un arxelino 'cazado' con haxís por poñerse nervioso nun control rutinario
Por Natalia Puga
O cidadán de orixe alxeriana Ghali Djidi recoñeceu que en setembro de 2009 levaba enriba un quilo de haxís para traficar con el e aceptou unha condena a un ano e dous meses de prisión como autor dun delito de tráfico de drogas.
Esta confesión de Ghali Djidi, realizada este martes 9 de outubro no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, é, en realidade, a segunda que realiza en relación con estes feitos. O mesmo día da súa detención xa recoñeceu os axentes da Policía Local ser autor deste delito.
De feito, o seu arresto foi posible porque o home se puxo nervioso durante un control rutineiro da Policía Local. Os axentes realizaban unha inspección superficial do seu Renault Laguna cando observaron unha bolsa de cor vermella que lles pareceu sospeitosa. No mesmo momento en que lle preguntaron que levaba, xa confesou o seu delito, que estaba chea de ovos de hachis.
Os feitos producíronse o 25 de setembro de 2009 na rúa Xeneral Rubín de Pontevedra. Por aquel entón a Policía Local relataba que o individuo "se puxo nervioso ao volante e levantou a sospeita dos axentes". Ao termo do xuízo recén celebrado na Parda, repetírono. O propio acusado recoñeceuno tamén.
Unha vez analizada a substancia intervida, os axentes comprobaron que eran 99 ovos de haxís que resultaron ter un peso dun quilo e está valorada nuns 6.000 euros, toda vez que por aquel entón, hai dous anos, cada ovo desta droga estaba valorado nuns 60 euros no mercado ilícito.
O detido, que no momento da súa detención tiña 39 anos, consta de antecedentes policiais e xudiciais por feitos similares. No ano 2005 foi detido con sete quilos de haxís na Coruña.