Louzán tamén recolle premios
Por Oskar Viéitez
A fundación Fundetec celebrou onte á noite a oitava edición dos seus Premios, cuxo obxectivo é recoñecer o labor de entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro de ámbito nacional que fomentan o desenvolvemento da Sociedade da Información, o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a redución da fenda dixital en España. Dos catro proxectos ganadores, dous son de Galicia.
O primeiro correspondeu á Deputación de Pontevedra, Premio ao Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixido a Pymes, Microempresas e Autónomos polo seu proxecto "Life Viñas Atlánticas", un proxecto de viticultura intelixente que pretende limitar a problemática causada nos viñedos da D.O. Rías Baixas polo fungo mildiu.
Consiste na implantación dun sistema de xestión integral de viñedos, unha rede sensorial inalámbrica e unha plataforma que permite recoller e procesar todos os datos recolleitos para transformalos en coñecemento. Deste xeito conséguese reducir o uso de produtos químicos e mellorar o rendemento económico e medioambiental.
Rafael Louzán, presidente da Diputación de Pontevedra, recolleu o premio de mans de Bruno Porchietto, director xeral de Hibü España (patrono de Fundetec), e manifestou o seu "orgullo por facer posible o desenvolvemento dun proxecto recoñecido como o máis innovador en viticultura en España, que contou co entusiasmo dos viticultores de Rías Baixas e da comunidade galega. Grazas ás novas tecnoloxías, Galicia está cada vez máis cerca do resto de España".
O segundo ganador, por decisión unánime do Xurado, foi a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), Premio ao Mellor Proxecto de Entidade Sen Ánimo de Lucro dirixido aos cidadáns pola súa iniciativa "Destino Emprego".