A Subdelegación prohibe "in extremis" a protesta de funcionarios de Xustiza
Por Anxo Lourido
Os funcionarios da administración de Xustiza non puideron concentrarse este mércores ás 11.00 horas ante o edificio da Parda como tiñan previsto. Só algúns representantes sindicais apareceron ante as portas do edificio xudicial para mostrar o seu malestar coa decisión adoptada pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra ao prohibir esta protesta laboral.
A Subdelegación do Goberno púxose en contacto cos representantes da Plataforma sindical de Xustiza a últimas horas da tarde deste martes para telefonicamente comunicar a decisión e na mañá deste mércores os organizadores recibían por escrito a prohibición.
Ante esta postura, varios dos delegados sindicais mostraban o seu malestar tapándose a boca con máscaras ou coa palma da man denunciando a mordaza que lles aplicou a Subdelegación. Milo Fernández e Pablo Valeiras, dous dos representantes dos traballadores, sinalaban que a decisión se atopa vinculada a intereses políticos. Afirman que contaban co permiso da Xunta Electoral pero que o Partido Popular utiliza ao seu "esbirro", a través do subdelegado do Goberno, para prohibir esta protesta na provincia onde os populares "están a xogarse as eleccións". Na Coruña, Lugo ou en Ourense as concentracións celebráronse sen inconveniente, segundo expuxeron os integrantes da Plataforma sindical de Xustiza.
A Subdelegación xa lles impedía levar a cabo unha concentración ante a Audiencia Provincial, unha decisión que os sindicatos relacionan coa proximidade coa sede do PP provincial.
Os representantes dos funcionarios insisten en que continuarán coas súas protestas debido á discriminación sanitaria que sofren fronte aos maxistrados, as conxelacións salariais, a amortización de prazas, a falta de medios ou as carencias dos Xulgados de Violencia sobre a Muller.