De quitamedos, unha corda e de pasos de peóns, toda a calzada
Por Redacción
A estrada do Outeiro, no municipio de Bueu, leva tres anos con deficiencias que fan insegura a circulación, tales como un mal pintado na calzada, a falta de sinalización ou pintado de pasos de peóns. A modo de quitamedos usan vallas con cordas e os pasos de peóns son inexistentes, de modo que se cruza por toda a calzada.
A asociación de veciños Cabanouro sinala que leva todo este tempo reclamando a deputados provinciais que poñan fin ao problema, pero non obteñen resposta.
Ante este silencio, a Xunta Directiva do colectivo decidiu na súa última reunión denunciar publicamente a deixadez da Administración provincial respecto desta vía, da que é responsable. Reclaman que a Deputación de Pontevedra "realice as actuacións necesarias para mellorar a seguridade de peóns e vehículos na estrada do Outeiro".
O pintado da calzada, establecemento de pasos de peóns, beirarrúas, vallas quitamedos, eliminación dos estreitamentos ou a colocación de sinais co límite de velocidade e a prohibición de aparcar son algunhas das demandas que a asociación veciñal "reiterou xa en demasiadas ocasións".
Sinalan que se trata "dunhas deficiencias que teñen provocado accidentes na zona", polo que reclaman á Deputación de Pontevedra "que atenda esta problemática de inmediato".
"Despois de múltiples escritos e, finalmente, unha xuntanza, a veciñanza segue a agardar que se materialice o compromiso de enviar un equipo técnico e a realización das obras pertinentes", indican.