Enrique Vaqueiro (PSOE) denuncia ao irmán dun edil do PP "que ameazou con matarme facéndome unha garavata colombiana"
Por Oskar Viéitez
As críticas políticas do portavoz do grupo municipal socialista na Lama derivaron nunha denuncia ante a Garda Civil por ameazas de morte. A primeira hora da mañá do xoves o concelleiro do PSdeG-PSOE na Lama, Enrique Vaqueiro e a súa noiva, presentaron a denuncia ante o Cuartel da Benemérita en Ponte Caldelas contra o irmán do tenente de alcalde da Lama.
O concelleiro socialista criticou públicamente o pasado martes a actitude do tenente de alcalde nese concello por cobrar a paga extra de decembro á que renunciaran voluntariamente os seus compañeiros na corporación local. Foi a raíz da publicación desta noticia na páxina de Facebook da súa noiva que comezou a ter unha serie de respostas "que levaban un cariz amenazante".
Enrique Vaqueiro sinalou que "esas ameazas de morte veñen da conta de correo do irmán do tenente de alcalde"
En concreto, segundo figura na denuncia presentada ante a Garda Civil aparece escrito no muro de Facebook as seguintes mensaxes: "CON QUE MIRE OUTRA MERDA NO FACEBOOK FALANDO DE MEU IRMAN O QUE FALE BOULLE FACER UNHA CORBATA COLONBIANA ASIQUE VEDE E CALADE GILIPOLLAS".
E tamén: "FALADE QUE QUIRADES MENOS DO DA MIÿA SANGUE SENON AVERA PROBLEMAS". Así mesmo tamén realiza o denunciado unha serie de insultos tales como "IDIOTAS, INORANTES, GILIPOLLAS".
Segundo explicou o propio Enrique Vaqueiro a "garavata colombiana" é unha brutal forma de tortura entre os narcos, que cando matan a unha persoa córtanlle a garganta e por aí sácanlle a lingua e déixana colgando.
O alcalde de A Lama (PP) resta gravidade aos feitos
Pola súa banda o alcalde de A Lama, Jorge Canda, (PP) restou gravidade a estes feitos sinalando que tanto Enrique Vaqueiro como a persoa denunciada son "bos rapaces e tamén novos" e limitou esas "desafortunadas" expresións a un "calentón" xa que o denunciado "ten un pronto forte".
"Os dous teñen que sentar ben a cabeza", resolveu Jorge Canda que insistiu en que no pleno de decembro aínda que o seu tenente de alcalde tamén quixo renunciar ao seu soldo "o resto de compañeiros do grupo de goberno non lle deixamos porque el é un gran traballador que dedica todos os días da semana ao Concello da Lama e aos seus veciños, o que gaña é ben pouco e merécese o dobre", concluíu o alcalde.
Condea das ameazas polo PSdeG-PSOE
A Comisión Executiva Provincial condea as ameazas ao concelleiro socialista da Lama e transmitiu a súa solidariedade a Enrique Vaqueiro e aos seus achegados. Esixen, ademais, ao Partido Popular e ao alcalde Jorge Canda unha condea rotunda deste tipo de comportamentos por parte de persoas próximas a un cargo desa agrupación política e dese concello.
Relacionadas:
-
Condenado a 200 euros por ameazar un edil do PSOE da Lama con facerlle unha gravata colombiana
Por Natalia Puga |
-
Enfróntase a unha multa de 200 euros por ameazar un edil do PSOE da Lama con facerllle unha corbata colombiana
Por Natalia Puga |
-
Jorge Canda afirma que o tenente de alcalde da Lama nunca rexeitara a paga extra
Por Redacción |