Deteñen no Vao a un trapicheiro con cocaína agochada no depósito de combustible do seu BMW
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra detivo un veciño de Poio de 32 anos cando estaba a bordo do seu vehículo BMW F525 nas inmediacións do poboado chabolista do Vao en posesión de varias papelinas de cocaína preparadas para a súa venda polo miudo.
O detido responde ás iniciais M.J.J. e conta con múltiples antecedentes policiais por delitos relacionados co tráfico de drogas. Tras ser arrestado na tarde do mércores 20 de febreiro, na mañá do xoves foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, en funcións de garda.
No momento da detención, os axentes non presenciaron que o detido realizase ningunha operación de tráfico de drogas, pero si estaban a realizar un control sobre este ao ter investigacións previas que acreditan que se dedica ao tráfico de estupefacientes a pequena escala.
A detención realizouna unha patrulla que estaba a controlar o BMW modelo F525 conducido por M.J.J.. Cando lle deron o alto, era o único ocupante do turismo e a Garda Civil realizou un rexistro superficial do citado vehículo.
Os axentes localizaron entre a tapa exterior do depósito de combustible e a boca deste unha bolsa en cuxo interior contiña varias doses de cocaína supostamente para a súa venda.