Aumentan os furtos a repartidores de paquetería en Pontevedra
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra detectou un aumento de subtraccións dos paquetes que levan os repartidores de empresas de paquetería. Ante tal evidencia, recomenda" aos traballadores" deste sector profesional que extremen as precaucións e, "na medida do posible, a pesar das présas", que fagan "un esforzo para pechar sempre os vehículos de reparto con chave".
A advertencia policial especifica que as últimas denuncias rexistradas se refiren a furtos ao descoido en furgonetas, camións e furgonetas de reparto e que lles permitiron concluír que os ladróns aproveitan para operar "mentres os condutores se baixan correndo para levar a cabo a repartición" e que se levan os paquetes, pero tamén as pertenzas do traballador, en especial, teléfonos móbiles e carteiras.
A Comisaría Provincial estende as advertencias a todos os cidadáns de Pontevedra para que "cando procedan a estacionar o seu vehículo tanto de día coma de noite, poñan especial coidado en non deixar obxectos de ningún tipo, nin pezas de vestir á vista que poidan facer supoñer que conteñen obxectos de valor e poidan dar lugar a un posible roubo con forza" "no interior do vehículo".
Ao respecto, recordan que para cometer estes roubos os autores adoitan ocasionar danos considerables tanto nos fechos coma nas xanelas, que non resulta estraño que resulten fracturadas. "Aínda que baixemos do vehículo, breves instantes, ollo con deixar o bolso, a mochila do ximnasio ou maletas con obxectos de valor no seu interior, diñeiro, móbiles, cámaras de fotos, ordenadores e outros efectos susceptibles de ser subtraídos", advirten.
Cando os vehículos están en marcha as recomendacións policiais refírense a que se circule coas portas bloqueadas e as xanelas pechadas nas zonas urbanas, prestando especial atención nas paradas dos semáforos ou en pasos de peóns. Nestes momentos débese evitar deixar obxectos sobre o asento do copiloto, deberán colocarse nun lugar menos accesible.