Cartas de menú trilingües en español, inglés e alemán nunha vintena de restaurantes
Por Redacción
18 establecementos hostaleiros da comarca de Pontevedra contarán desde agora con cartas de menú trilingües en español, inglés e alemán. Non substitúen ás cartas de cada un dos restaurantes, senón que só serán ofertadas aos turistas estranxeiros. A tradución e edición destes menús é unha iniciativa da Mancomunidade Terras de Pontevedra coa que se pretende dar un paso máis a prol da competitividade destes negocios.
A concelleira de Turismo, Carlota Román, explicou que hai algúns meses organizouse un curso de inglés e alemán para todo tipo de persoal relacionado co sector turístico privado. Durante esa actividade xurdiu a idea de levar a cabo a tradución dos menús dos restaurantes das comarcas, que foi moi ben acollida polo sector.
Ao acto de entrega, celebrado na Casa da Luz, asistiron La Tortillita, Gloria, Piano, El Pitillo e Taberna Zentola. Sen embargo, tamén participan os locais pontevedreses Casa Román, Casa Verdún, Nove Anxos, Room, La Tienda de Clara, A Adega dos Avós, Vetula Ponte, Hotel Madrid e o Furancho de Bora. En Poio sumáronse o Mesón Lameiriña e La Brisa. Finalmente, disporán de cartas trilingües A Parrilla (O Grove) e Casa Pipeiro (Ponte Caldelas).
Carlota Román explicou que os visitantes estranxeiros que se achegan a Pontevedra valoran especialmente a restauración, polo que son clientes habituais dos bares e restaurantes. "Detectamos que era necesario ofrecerlles unha mellora no servizo e que tiña chegado o momento de apostar non só pola calidade no produto, senón tamén pola atención".
De feito, Román subliña que trátase dun primeiro paso e abre as portas á posibilidade de que se incorporen máis establecementos. Tamén está a estudarse a posibilidade de incorporar outros idiomas, como o francés ou o portugués, dúas nacionalidades que achegan unha parte substancial dos turistas estranxeiros que visitan as terras de Pontevedra.
En todo caso, a principal dificultade é a necesidade de elaborar menús agradables tipograficamente. "Hai que ter en conta que algúns dos locais teñen cartas extensas, nas que a inclusión das traducións a moitos idiomas conclúe nun documento moi recargado", concluiu a edil socialista.