O goberno provincial estudará alternativas para o traslado da imprenta
Por Oskar Viéitez
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, visitou á primeira hora da mañá deste xoves as instalacións da Imprenta Provincial dependentes desta institución.
A visita inscríbese na rolda de contactos que Silva vén mantendo desde o inicio do seu mandato co persoal dos distintos departamentos da administración provincial para coñecer de primeira man o traballo e os proxectos que nos mesmos se desenvolven. Como curiosidade, os traballadores da imprenta comentaron que era a primeira vez en 15 anos que o presidente da institución visita as súas instalacións.
Os talleres gráficos da Deputación ofrecen servizo tanto para as necesidades internas deste organismo como aos concellos, aparte da súa coñecida faceta de impresión de libros.
A imprenta provincial ocupa un edificio situado nos terreos da Xunqueira de Alba que, do mesmo xeito que ocorre co Parque de Maquinaria, son obxecto dunha concesión por parte de Costas que caduca no ano 2018 e o goberno provincial decidiu non solicitar a súa prórroga.
O goberno provincial ten en marcha, xunto ao Concello de Pontevedra, un plan que permitirá ampliar os 483.000 metros cadrados polos que se estende a Xunqueira de Alba coa suma dos 170.000 metros cadrados ocupados por concesións públicas.
Por agora a Deputación non avanzou significativamente neste plan, segundo explicou Carmela Silva, porque "facer un estudo desa complexidade non é fácil, leva tempo".
"Haberá que analizar a viabilidade económica das novas localizacións e do tratamento que terán os terreos da Xunqueira unha vez que se abandone o lugar que ocupa o edificio", dixo a presidenta provincial.